Presentación da XXX Xuntanza Internacional de Gaiteiros
Baixo o lema “30 ANOS DE HISTORIA” tivo lugar hoxe no Pazo Provincial a presentación da XXX Xuntanza Internacional de Gaiteiros, evento que se desenvolverá o vindeiro fin de semana en Monterrei. No acto participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen destacou o labor desenvolvido pola Escola Provincial de Gaitas da man de Xosé Lois Foxo ao longo de trinta anos, “contribuíndo á dignificación e difusión do instrumento máis senlleiro de Galicia, algo que a Deputación de Ourense se sinte orgullosa de apoiar”. Na presentación tamén participou o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, e o gaiteiro pontevedrés, Óscar Ibáñez, quen recalcou o valor que teñen este tipo de actividades co apoio da Deputación de Ourense, “exemplo que deberían seguir outras institucións”. Xosé Lois Foxo pola súa parte fixo énfase nos trinta anos de historia da Escola Provincial de Gaitas, “o que marca un importante capítulo do desenvolvemento da provincia de Ourense”. “Para iso –engadiu- desenvolveuse un sistema pedagóxico para o ensino da gaita con base no pentagrama que chegaría a todos os concellos da provincia e posteriormente a outros lugares de Galicia e centros galegos da emigración.
Nesta XXX edición participarán dende os Cigarróns de Verín, Gaiteiros de Flariz-Monterrei, Banda de Gaitas do Concello de Verín, Evgenia Panta (Grecia), Nova Era & Lapsus Gaita, Cantareiras da Real Banda, Banda de Gaitas do Riós, LixTrío, Dzianis Sukhi (Bielorrusia), Zampogneria Fiumerapido (Italia), Edelmiro Fernández e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. O evento compleméntase con conferencias que terán lugar o día 13 de xuño ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Verín, a cargo de Evgenia Panta e Alejandro Rizópulos, sobre a gaita nas illas gregas; Dzianis Sukhi, sobre a gaita en Bielorrusia, e o trío de música barroca Zampogneria Fiumerapido de Roma. Paralelamente haberá unha mostra fotográfica sobre o Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense na sala de Exposicións de Verín aberta do 12 ao 15 de xuño. O 24 de xullo no contexto das festas da Ponte terá lugar a segunda xornada da XXX Xuntanza Internacional, rememorando a primeira edición da mesma que tivera lugar no ano 1985.