Presentación da segunda edición da proba de running extremo “Desafío 42”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes e os concelleiros de Deportes de Celanova e Xinzo de Limia, así como por José Ramón Rey, coordinador da proba, e por Bernardino González, asesor de Deportes da institución provincial, presentou hoxe na Praza Ribeiriño de Ourense a segunda edición da carreira “Desafío 42”, unha das probas deportivas máis vistosas e esixentes de cantas se disputan na modalidade de running extremo. Promovida pola Deputación de Ourense, a proba celebrarase os días 11 e 12 de abril, percorrendo 21 quilómetros no municipio de Xinzo de Limia; 11 quilómetros no Carballiño, e 10 quilómetros en Celanova, tres carreiras que se disputarán en dous días conformando a distancia dunha maratón. Como novidade este ano establécese a modalidade por equipos.
Manuel Baltar destacou que “Desafío 42” “é a consolidación dun evento que combina deporte coa divulgación do patrimonio, ao percorrer varios concellos da provincia, que ten como obxectivo que a través desta proba se coñeza máis a nosa provincia e que haxa esa ligazón entre deporte e cultura”.
Nesta segunda edición do “Desafío 42”, que conta coa colaboración da empresa Move, haberá 3.000 euros en premios así como trofeos e obsequios para os primeiros de cada categoría. Tamén se sortearán obsequios dos colaboradores entre todos os participantes.
Para máis información e para realizar as inscricións os interesados poden consultar a web: http://desafio42.com