Presentación da Feira do Viño do Ribeiro
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar, Yago Borrajo, asistiu hoxe á presentación da edición número 52 da Feira do Viño do Ribeiro que se celebrará do 1 ao 3 de maio na vila ourensá de Ribadavia.
O Ribeiro é a denominación de orixe máis antiga de Galicia, creada no ano 1957. Rogelio Martínez subliñou que o Goberno galego é consciente da importancia económica da actividade vitivinícola nesta comarca, polo que a Xunta apoia decididamente ao sector.
O delegado territorial trasladoulle a súa noraboa aos organizadores desta nova edición da Feira do Viño, concello de Ribadavia e Consello Regulador da D.O. Ribeiro, “parabéns por axudar a poñer en valor unha das cousas que mellor se fai nestas terras: o viño”, dixo Martínez, e engadiu que o sector ten que continuar a traballar para mellorar a calidade e personalidade propia dos viños do Ribeiro, diferenciándoos e posicionándoos así, con maior éxito, nos diferentes mercados e abrindo outros novos.