Prazas dos Campamento Deportivo de Verán e do XV Campus de Fútbol de Monforte
- O Concello de Monforte adxudica as prazas dos Campamento Deportivo de Verán e do XV Campus de Fútbol
- En total foron 489 as preinscricións presentadas de xeito telemático. Tanto na primeira quenda do Campamento Deportivo como no XV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R.C. Celta de Vigo se rexistraron máis solicitudes que prazas ofertadas o que obrigou a realizar un sorteo das mesmas
- Dende hoxe martes 8 de xuño e ata o venres 18 de xuño, todas as persoas con praza adxudicada deberán formalizar a súa matrícula
O Concello de Monforte ven de adxudicar as prazas para participar tanto no Campamento Deportivo de Verán coma no XV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R. C. Celta de Vigo.
Foron un total de 489 as solicitudes de preinscrición que se rexistraron, para participar nalgunha das quendas do campamento ou no campus de fútbol, durante o período de preinscricións, que tivo lugar entre o 20 e o 31 de maio.
A distribución das solicitudes, segundo períodos de tempo ofertados polo Concello, foi a seguinte:
- Preinscricións na 1ª quenda do Campamento Deportivo (do 1 ó 15 de xullo): 159 solicitudes.
- Preinscricións na 2ª quenda do Campamento Deportivo (do 16 ó 30 de xullo): 138 solicitudes.
- Preinscricións na 3ª quenda do Campamento Deportivo (do 2 ó 13 de agosto): 90 solicitudes.
- Preinscrición no XV Campus de Fútbol Cidade de Monforte-R.C. Celta de Vigo (do 2 ó 6 de agosto): 102 solicitudes.
Tanto na primeira quenda do Campamento Deportivo como no Campus de Fútbol se rexistraron máis solicitudes que prazas ofertadas o que obrigou a aplicar os criterios establecidos de reparto de prazas e a realizar un sorteo das mesmas.
O sorteo foi realizado o venres 4 de xuño ás 12:30 h na sala de xuntas do Concello de Monforte, e nel estiveron presentes o técnico municipal de deportes, Óscar Rodríguez, e Elisa Martínez, funcionaria do Concello de Monforte.
Na terceira quenda do campamento deportivo todas as persoas que realizaron a preinscrición adquiriron a súa praza.
Prazos e formalización de matrícula
Dende hoxe martes 8 de xuño e ata o venres 18 de xuño, todas as persoas con praza adxudicada deberán formalizar a súa matrícula.
Para elo deberán presentar a seguinte documentación, ben nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude ou ben a través do correo electrónico deportes@concellodemonforte.com :
- Instancia de matrícula.
- De ser o caso, certificado de discapacidade no que quede constancia a non necesidade de axuda de terceira persoa.
- No caso de familia numerosa, documentación acreditativa correspondente expedida polo órgano competente.
- Fotocopia do DNI do pai, nai ou titor/a legal.
- Fotocopia do DNI do/a menor ou libro de familia no caso de non ter DNI.
- De ser o caso fotocopia do DNI da persoa/as autorizadas a recoller ó menor.
- De ser o caso declaración responsable de que os dous proxenitores estean traballando na data de solicitude dos campamentos (segundo modelo de declaración que acompaña á instancia de matrícula).
- De ser o caso declaración responsable de pertenza a familia monoparental (segundo modelo de declaración que acompaña á instancia de matrícula).
Para realizar o pago da matrícula, unha vez presentada a documentación requirida para a inscrición definitiva, enviaráselles, ao correo electrónico designado, a carta de pago correspondente coa inscrición. O pago poderano facer en Abanca, presentando a carta de pago, ou a través da pasarela de pagos habilitada na páxina web www.monfortedelemos.es. Tamén se poderá recoller a carta de pago nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude.
Tanto a lista de admitidos como as instancias de matrícula están colgadas para a súa descarga na sección de DEPORTES/ACTIVIDADES DEPORTIVAS da páxina web do Concello de Monforte www.monfortedelemos.es.
O Alcalde, José Tomé Roca, valorou moi positivamente o éxito en canto ó número de solicitudes presentadas e agarda que todos os “nenos e nenas finalmente inscritos poidan disfrutar dunhas vacacións practicando un variado número de actividades, tanto deportivas coma excursións e obradoiros”.
Do mesmo xeito, o rexedor municipal recordou que “dende o Equipo de Goberno, decidimos organizar unha nova edición deste programa xa tradicional na época de verán, motivados principalmente pola necesidade de conciliación familiar que teñen moitos monfortinos e monfortinas, ademais para ofrecer aos nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida, saudable e segura, pese á situación sanitaria derivada da Covid-19 na que seguimos inmersos”.