“Por un novo futuro para a lingua”
- Queremos Galego convida a manifestarse o 17 de maio en Compostela
- A plataforma cidadá, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país, convoca á sociedade a manifestarse o 17 de maio ás 12h en Compostela baixo o lema “En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua”
- Representantes da plataforma cidadá Queremos Galego nas Terras de Lemos, Chantada e Quiroga animan a participar na manifestación pola lingua amosando o cartel onde a escultura de Manuel María en Monforte de Lemos.
- Xosé Manuel Fernández, responsable da Mesa pola Normalización Lingüística na zona, aproveita para anunciar unha campaña impulsada dende aquí e a prol da normalización do galego coñecida como “Autocolantes en galego para pediatría”
Representantes da plataforma cidadá Queremos Galego nas Terras de Lemos, Chantada e Quiroga, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, sinalaban na mañá deste venres 13 de maio “que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua”. Fixérono amosando o cartel da convocatoria para a manifestación pola lingua que terá lugar o 17 de maio en Santiago de Compostela ás 12:00 h. e simbolicamente diante da escultura de Manuel María nas proximidades do Parque dos Condes de Monforte de Lemos.
Xosé Manuel Fernández, voceiro de Queremos Galego en Monforte, lembrou na foto presentación da manifestación de Compostela, que todos os avances para o galego conseguíronse “pola perseverancia e polo esforzo do pobo galego”, como a incorporación do galego ao catálogo de Netflix ou a recente sentenza do TSXG contra Facenda por atacar os dereitos lingüísticos dun cidadán galego. Fernández advertiu que “a sociedade galega está soa, sen institucións que a amparen na defensa da lingua” e salientou que “é hora de que isto mude e os poderes públicos, comezando polo novo presidente da Xunta, abandonen a súa política de agresión sistemática ao galego e comecen a exercer a súa responsabilidade na defensa dos intereses de Galiza e da súa lingua”.
Para convidar á mobilización do vindeiro 17 de maio tamén participaron algúns mestres do IES A Pinguela que fixeron unha foto co cartel, imaxe que se partillou nas redes sociais.
Aproveitando esta presentación, Xosé Manuel Fernández, responsable da Mesa Pola Normalización na zona de Lemos, avanzou tamén que neste mes de maio darase a coñecer unha importante campaña a prol da normalización do galego coñecida como “Autocolantes en galego para pediatría”, que consistirá na distribución de adhesivos con fraseoloxía galega para a cativada que é atendida nos ambulatorios das comarcas do sur de Lugo. Deseños todos realizados por ilustradores e debuxantes destas comarcas.
En canto saian do prelo os autocolantes informarase á prensa dos detalles da campaña –ilustradores, deseños, accións a realizar, etc– creada e impulsada dende A MESA Lemos.
PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO
A plataforma reclama a posibilidade de vivir “en galego agora e sempre” e denuncia que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua. A sociedade galega propón solucións, como a Iniciativa Xabarín, a Iniciativa polo audiovisual galego ou as bases para a normalización da lingua elaboradas pola maioría da representación sindical do profesorado, das anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa, mais dende Queremos Galego recordan que para que estas solucións frutifiquen cómpre que os gobernos galego e español abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade “en todo e para todo”.
“Mesmo os pequenos pasos que como pobo conseguimos para o noso idioma están sometidos a revisións constantes”, advirten dende a Plataforma convocante. “Só hai que ver como despois da ampla campaña social e da unanimidade política acadada arredor da iniciativa Xabarín”, lembran. Nesta liña rematan afirmando que “o debate no Congreso pode acabar limitando os avances en horas e cotas de emisión a unha soa das linguas cooficiais” e que “é unha vergoña que non imos permitir que o recoñecemento da pluralidade lingüística no audiovisual, onde Galiza foi quen levou o maior peso na iniciativa social, poida rematar por excluír precisamente o galego”.
No seu argumentario rematan convencidos de que un novo futuro para o galego é posíbel, se todas e todos, cidadanía, entidades sociais e gobernos van na mesma dirección, a de asegurar que o galego está presente e plenamente dispoñíbel.
A lingua galega une e representa o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galiza. O 17 de maio manifestarémonos en Santiago para que a Xunta de Galiza comece a actuar en consecuencia
Imaxes: