Por un espazo competitivo común no sur de Galicia
- Deputación de Ourense e Círculo de Empresarios de Galicia: por un espazo común competitivo no sur de Galicia
- Manuel Baltar recibiu onte no Pazo Provincial ao vicepresidente deste colectivo empresarial, Emilio Pérez Nieto, e ao vogal Serafín Ocaña, con quen analizou posibles liñas de cooperación entre as dúas institucións
O presidente da Deputación recibiu onte no Pazo Provincial ao vicepresidente deste colectivo empresarial, Emilio Pérez Nieto, e ao vogal Serafín Ocaña, con quen analizou posibles liñas de cooperación entre as dúas institucións.
«Trátase de establecer un acordo de colaboración para levar a cabo accións conxuntas coa finalidade de fomentar e dinamizar o emprendemento e o investimento no sur de Galicia, con iniciativas que potencien as fortalezas das nosas Pemes, facilitando tamén o networking empresarial con outros territorios», afirmou Manuel Baltar.
Neste sentido, o presidente da Deputación puxo como exemplo a recente misión empresarial USA-Ourense, certificada polo Goberno dos Estados Unidos, «unha iniciativa comercial que abre importantes portas comerciais aos produtos ourensáns en Estados Unidos», e tamén lembrou a colaboración que a institución provincial mantén coa Confederación Empresarial de Ourense, coa Cámara de Comercio de Ourense e co Polígono de Barreiros, ademais do apoio á Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao en iniciativas como a celebración do 50º aniversario do polígono ou accións de apoio á internacionalización de empresas do recinto empresarial máis importante de Galicia.
«Todas estas medidas supoñen unha aposta clara por parte do goberno provincial en apoio á competitividade empresarial e á creación de emprego na nosa provincia, iniciativas para as que o Plan «Ourense 15-19″ da Deputación contempla diferentes apartados nos que o impulso emprendedor, a formación e o desenvolvemento de iniciativas relacionadas co fomento da actividade empresarial son unha realidade neste período de mandato», afirma Baltar.
En maio pasado, o presidente da Deputación de Ourense defendera no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, a importancia da «marca Ourense» como liña estratéxica de competitividade e innovación, remarcando a necesidade «de actuar cunha visión global de provincia e co noso carácter emprendedor, para destacar as nosas singularidades e sermos máis competitivos nos mercados, e niso a cooperación público-privada ten moito que dicir». Manuel Baltar defende a importancia da cooperación entre as administracións públicas e o sector privado «para desenvolver conxuntamente proxectos innovadores, creativos e de vangarda, que fagan atractivas as singularidades do ámbito local para xerar atracción internacional. De aí a relevancia de alianzas como a que estudamos impulsar co Círculo de Empresarios de Galicia», expresou o presidente.