Plan Renove de ascensores: máis de 4 millóns de euros para a execución de máis de 130 proxectos
- A Xunta mobiliza a través do Plan Renove de ascensores máis de 4 millóns de euros para a execución de máis de 130 proxectos
- A resolución, que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia, impulsa a implantación de novas máquinas máis eficientes e seguras nas comunidades de veciños, o que beneficia arredor de 2.700 familias
- Os apoios para realizar estas actuacións, integradas no Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética nas Vivendas, inclúen os custos en equipamentos, materiais, obra civil e man de obra
- As novas instalacións reducirán o consumo enerxético en máis dun 35%, o que contribúe a diminuír a factura dos fogares galegos
A Xunta vén de resolver o Plan Renove de Ascensores correspondente a este ano. Este programa de axudas impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria permitiu desenvolver ao longo do 2016 máis de 130 proxectos nas comunidades de veciños galegas, o que supón mobilizar un investimento de máis 4 millóns de euros para a instalación de máquinas máis eficientes e seguras.
A resolución desta orde, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), beneficia a un total de 133 comunidades e arredor de 2.700 vivendas, que contan con apoios de ata o 50% do custo do proxecto para o cal se adxudicaron estas axudas. Esta iniciativa contribúe a mellorar a eficiencia enerxética dos fogares galegos, pois estes ascensores teñen un uso intensivo ao longo de todo o ano e, polo tanto, supoñen unha parte moi importante do consumo enerxético dun edificio.
Os novos ascensores que se instalan a través desta nova edición do Plan Renove permiten unha redución anual, cando menos, do 35% no uso da enerxía convencional; ademais de supoñer un incremento na seguridade. Os apoios inclúen os custos en equipamentos, materiais, obra civil e man de obra asociados á reforma e posta en servizo das máquinas.
Esta actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria encádrase no desenvolvemento do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética nas Vivendas, posto en marcha o ano pasado e que xunto a esta iniciativa promoveu outro tipo de medidas como a implantación de fiestras ou caldeiras máis eficientes ou a instalación de equipos de xeotermia, solar térmica e aerotermia.
Deste xeito, o Goberno galego aposta pola promoción do aforro e a eficiencia enerxética nas vivendas galegas co obxectivo de mellorar pautas de consumo e contribuír, en última instancia, á diminución da factura enerxética das familias galegas.