Plan de Acción do proxecto Keep On
- O Inorde o difunde entre os xestores do patrimonio cultural
- A Casa dos Poetas de Celanova, acolleu onte un evento rexional, organizado polo Inorde, do proxecto europeo Keep On, que pretende “reforzar o compromiso co patrimonio material e inmaterial do territorio provincial”, lembrou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández
O Inorde organizou, na Casa dos Poetas de Celanova, un evento rexional, celebrado de xeito híbrido, do proxecto europeo Keep On, co obxectivo de dar a coñecer “as accións incluídas neste Plan, a súa forma de xestión e o seu seguimento, facendo partícipes aos actores locais e xestores do patrimonio cultural para analizar conxuntamente a súa situación a nivel provincial”, explicou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, encargado de inaugurar a xornada. Na apertura do evento tamén participou o alcalde de Celanova, Antonio Puga, a quen Rosendo Fernández agradeceu o feito de poder celebrar este evento na Casa dos Poetas.
Con este evento pretendemos “reforzar o compromiso co patrimonio material e inmaterial do territorio provincial, reflectido no Pleno do Debate do Estado da Provincia celebradoo comezos deste mes na Deputación de Ourense. Nese pleno aprobamos 16 propostas e unha delas facía referencia á posta en marcha da comisión de patrimonio e a participación de expertos para poñer en valor e coidado deste”, lembrou Rosendo Fernández.
O proxecto europeo Keep On, do Programa Interreg Europa financiado con fondos FEDER, ten como obxectivo promover a melloría das políticas e instrumentos de cooperación transfronteiriza no sector do patrimonio cultural, para conseguir presentar proxectos de alta calidade con resultados sostibles e impactos duradeiros no desenvolvemento rexional.
O Inorde xestiona, como xefe de fila, este proxecto desde xuño do 2018, xunto con 6 socios europeos. Un proxecto que supón un investimento total de 1.370.543 € e unha duración de 5 anos, e a través del “pretendemos dar visibilidade ós problemas cos que se atopan os axentes culturais na xestión do patrimonio cultural”, sinalou Rosendo Fernández.
O Plan de Acción do proxecto consta, principalmente, de tres actuacións coas que se pretende dar resposta aos problemas e retos identificados no sector do patrimonio cultural durante a implantación do proxecto Keep On e froito de todas as achegas realizadas polos grupos das partes interesadas. Estas accións son: detectar microproxectos para o financiamento de pequenas iniciativas a nivel local (small project fund), introducir criterios de avaliación para a valoración de aplicacións que garantan a sustentabilidade e a durabilidade dos proxectos, e crear unha plataforma de aprendizaxe para o intercambios de experiencias e boas prácticas.
Pola súa parte, a xerente do Inorde, Emma González, fixo unha breve introdución do proxecto e presentou a nova actividade aprobada recentemente que inclúe diferentes accións que reforzarán as propostas do Plan de Acción do proxecto para obter información complementaria e relevante para os resultados do Plan. Para elo, realizarase un cuestionario a 20 institucións culturais (cuestionario que foi enviado xa no pasado mes de setembro).
Por outra banda, desenvolverase un evento de difusión e mesa debate sobre o impacto da crise no financiamento de novos proxectos culturais no período 2021-2027. Nesta actividade participarán expertos en fondos europeos, turismo, xestión cultural, arte, etc, que xunto cos resultados das enquisas realizadas debateran sobre proxectos sostibles a presentar na vindeira convocatoria do POCTEP.
Ao mesmo tempo, continuarase cos encontros do Grupo de Partes Interesadas de Ourense para discutir sobre a sustentabilidade dos proxectos propostos e neles tamén participarán expertos de diferentes ámbitos. Por último, cos resultados destas accións realizarase un informe final sobre a idoneidade de presentar tres proxectos considerados sostibles á vindeira convocatoria do POCTEP 2021-2027.
Durante a xornada, tamén participou Margarita Steckiewicz, redactora do proxecto e colaboradora do Inorde, que fixo a presentación da planificación e monitorización das accións do Plan. Posteriormente, Antonio Piñeiro, técnico de Cultura do Concello de Celanova, presentou como a Boa Práctica identificada no proxecto, a Romaría Etnográfica Raigame.
Pola súa parte, a directora de Around Europe, Ana Ladeiras, presentou un exemplo proxecto de Interreg Europe – EPICAH, liderado polo Eixo Atlántico, no ámbito da protección do patrimonio natural e cultural. E, para rematar as intervencións, Pablo Rodríguez da Asociación de veciños de Puxedo e Manuel Riestra da Asociación Guter Menéndes de Vilanova dos Infantes, falaron da conservación do patrimonio cultural a través do asociacionismo local. Trala súa intervención iniciouse un debate e peche da xornada para extraer as conclusións da mesma e, posteriormente visitaron Vilanova dos Infantes.