Piscina municipal de Monforte: o Concello vai rescindir o contrato de xestión e explotación
- José Tomé Roca, Alcalde de Monforte, informa que tras os pertinentes informes técnicos, dende o Concello tomouse a decisión de proceder á resolución do contrato que ten establecido coa empresa Alacer Ocio e Deporte S.L. para a xestión e explotación da piscina municipal climatizada
- Do mesmo xeito, o Concello iniciará expediente de indemnización polos prexuízos económicos ocasionados por Alacer Ocio, ante as graves perturbacións do servizo ocasionadas pola xestión desta empresa respecto da piscina municipal
- Será o Pleno da Corporación, que se celebrará o vindeiro luns día 26 de outubro, quen finalmente ratifique a adopción destes acordos
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que o Concello iniciará a rescisión do contrato de xestión e explotación da piscina municipal climatizada, así como dos servizos de cafetería, e das pistas de tenis municipal da Pinguela, que actualmente está establecido coa empresa Alacer Ocio e Deporte SL.
Do mesmo xeito, tras os pertinentes informes emitidos polos técnicos municipais, tamén procederá o Concello á apertura dun expediente de indemnización,
polos prezuíxos económicos derivados da xestión que esta empresa levou a cabo da piscina municipal e que ocasionaron graves perturbacións deste servizo
, salientou o Alcalde.
Estas dúas propostas serán levadas para adopción de acordo ó Pleno da Corporación Municipal que se celebrará este vindeiro luns día 26.
Antecedentes
Na súa intervención, o rexedor municipal recordou que a adxudicación contrato inicial da piscina produciuse o 31 de marzo do ano 2011, e se lle adxudicou ó Grupo Pazos. E posteriormente, por problemas que tivo dita empresa e que a levaron a concurso de acreedores, produciuse unha cesión do contrato de xestión á empresa Alacer Ocio, o 10 de xuño de 2015.
O Alcalde resaltou que “dende o inicio do contrato, e tamén dende a cesión, producíronse diferentes situacións dunha mala xestión dun servizo público municipal en varias direccións, que afectou tanto ós usuarios como ás relacións laborais difíciles e precarias nalgúns casos, con débedas de salarios, débedas á Seguridade Social, á Facenda e incluso débedas a provedores”.
Deste xeito, diante destes incumprimentos reiterados por parte da empresa xestora, o 11 de marzo de 2020, a Xunta de Goberno Local acordou facer efectiva a intervención do servizo, “motivada polas graves perturbacións xeneralizadas, o noso modo de ver, nos que incorría o xestor do servizo”.
Ese mesmo día, a Xunta de Goberno Local nomeou como interventor da piscina ó Técnico Municipal de Deportes, Óscar Domínguez, quen se encargou da normalización do servizo, pagando débedas e salarios. Neste senso, o Alcalde aproveitou para recoñecer “a súa brillante xestión ó fronte dese encargo do goberno municipal para normalizar a situación da piscina”.
Fin da intervención municipal e xestión a cargo de Tragsatec
A intervención municipal da piscina acordada pola Xunta de Goberno conta cuns prazos previstos por lei, e deste xeito, os prazos rematan o próximo luns día 26 de outubro.
“A fin de seguir proporcionando un bo servizo ós cidadáns usuarios da piscina”, indicou Alcalde, “decidimos non devolver a xestión da piscina municipal á empresa Alacer Ocio, para evitar volver a repetir escenas do pasado. Non queremos que se volvan a repetir as situacións que se daban antes da intervención”.
Por este motivo, o Alcalde asumiu propoñer ó Pleno do vindeiro luns a resolución do contrato de xestión da piscina, que suporá a rescisión do contrato coa empresa adxudicataria.
Ó mesmo tempo, por Decreto de Alcaldía, o rexedor monfortino anunciou que se encargará a xestión da piscina á empresa pública Tragsa, a través dunha das empresas do Grupo Tragsa, chamada Tragsatec, que se encarga de levar a cabo asistencias técnicas como a que ten que ver neste caso coa piscina municipal.
Este encargo a Tragsatec será por un tempo de 6 meses, prorrogables mensualmente se fose necesario, ata que se resolva un novo concurso ou que se decida en torno á xestión da piscina. Tragsatec farase cargo do servizo dende o próximo martes 27 de outubro.
Esta actuación a través da empresa pública Tragsa é posible grazas á Deputación Provincial de Lugo. A Deputación, fai menos dun ano, adquiriu accións nesta empresa pública que a converten en “medio propio da Deputación”, que o permite facer extensible os seus servizos ós municipios da provincia de Lugo, a través do Órgano de Asistencia ós Concellos. O Alcalde anuncio que ó longo desta semana, o Concello asinará coa Deputación o acordo que permitirá, a través dun encargo directo, a prestación do servizo por parte de Tragsatec.
O Alcalde tamén comunicou que destas decisións xa foi informado directamente por el o delegado sindical da piscina, Alberto Martín, e anunciou que o vindeiro luns 26 de outubro ás 13:30 manterá unha reunión con todos os traballadores e traballadoras da piscina no salón de actos do Pavillón da Pinguela para informalos das decisións tomadas”.
“Nin o Goberno municipal nin eu como Alcalde nos vai temblar o pulso diante de situacións difíciles na defensa do interese público. A nós non nos gusta deixar durmir as cousas cando hai que tomar decisións.” sinalou Tomé Roca.
En resumo, o Alcalde leu a proposta que se levará a Plano o vindeiro luns, e que ten dous puntos que se someterán a aprobación:
“Primeiro.- Adoptar acordo polo que se declare a resolución do contrato de XESTIÓN E EXPLOTACIÓN DA PISCINA MUNICIPAL CLIMATIZADA, DOS SERVIZOS DE CAFETERÍA E DEMAIS INCLUÍDOS NA INSTALACIÓN, E DAS PISTAS DE TENIS MUNICIPAIS DA PINGUELA, ante as graves perturbacións do servizo ocasionadas pola xestión empresarial que leva a cabo o contratista.
Segunda.- Iniciar expediente de indemnización polos prexuízos económicos ocasionados á Administración pública contra a mercantil ALACER OCIO Y DEPORTE S.L.”