“Piedra, papel y Zobeira”, a novela de intriga que nos leva polas Terras de Trives, preséntase o día 30 en Castro Caldelas
- O autor é Juan Álvarez, “El Letrastero”, un malabarista de metáforas e alquimista de reflexións, afincado na Mancha pero con raíces xenealóxicas e emocionais nas Terras de Trives.
- “Piedra, papel y Zobeira” é a súa segunda novela, unha obra para amantes da lectura en xeral e do misterio e da intriga en particular.
- Juán Álvarez, aproveitando unha visita á Pena Folenche, presentará a súa novidade editorial no Concello de Castro Caldelas o vindeiro día 30 de decembro ás 19.30 h.
Comprar aquí
A OBRA
“Piedra, papel y Zobeira”, é unha historia con diferentes e á vez dispares escenarios. Desde a súa Calahorra natal, á cal nos transportará Félix –o seu protagonista– con recordos de infancia e mocidade; pasando por Newark (EEUU) –escenario dos seus días dedicados ao mundo da música profesional– ata chegar ao Campo de Calatrava e Terras de Trives, localizacións que serán puntos crave do argumento.
Os personaxes, moi ben definidos e con personalidades diferentes, levan ao lector da man ao longo e ancho de cada situación. Atoparanse sentimentos reflexivos e a cara oculta do ser humano. Luces e sombras. Paisaxes que falan; gardando o halo de misterio e o paso doutras civilizacións. Unha obra na que a orixinalidade e a particular prosa do autor conxúganse con retratos perfectamente subtraídos da nosa mente, creando unha alianza que rema en prol do eixo argumental deste novela.
Resulta interesante acompañar a Félix mentres lle quita o po ás súas anécdotas e experiencias á beira de grandes da música como poden ser Bruce Springsteen, Led Zeppelin, Tom Waits, e infinidade de grupos aos cales prestou os seus servizos como reputado baterista nunha intensa etapa da súa vida.
Que é Zobeira e onde se atopa? Saberémolo trala lectura desta novela de misterio e seguramente non estará moi lonxe de nós nin da Ribeira Sacra… Intriga, misterio e xiros sorprendentes… Deixádevos levar a través da Vía Nova XVIII, mentres vos unides por un momento ás lexións romanas que pasaron por alí. Sentide como “Starway to heaven” morde os miliarios cos seus sopridos enigmáticos.
Publica a Editorial Libros Indie.
O AUTOR
Juan Álvarez López é un barcelonés que presume de sangue aragonesa e galega. Vive en Calzada de Calatrava (Castela a Mancha) pero sen perder nunca o contacto coa súa aldea vacacional, A Pena Folenche, en Trives.
O seu primeiro contacto coa escritura naceu en Barcelona onde colaboraba na publicación mensual galega “A micro pechado” e a partir de aquí a súa afección literaria foi a máis participando con artigos en diferentes medios musicais, colaborando tamén en programas de radio.
Os seus relatos, reflexións e delirios literarios viron a luz grazas a un par de blogs e tempo despois decidiu darlles outra vida, pasando do virtual ao material coa auto publicación de catro libros nos que verteu estas creacións literarias. A súa persoal e característica prosa quedaba inmortalizada baixo os seguintes títulos: “Letrastadas” (2015), “Qué cosas…” (2016), “Sala de start” (2017) e “Hasta aquí” (2019).
A día de hoxe segue colaborando con diferentes medios musicais: “Metal Obscura” a revista “KMP Cultura rock de aquí”; e no medio dixital Creando Tu Provincia coa sección mensual “Acuéstate y suda”.
No apartado literario publicou a súa primeira novela “La sonrisa de la huida” o pasado 2020 e un ano máis tarde sorpréndenos xa coa segunda, acabada de saír do forno, “Piedra, papel y Zobeira”.