“Paxaros do Concello de Monforte de Lemos”

  • Inauguración da exposición do debuxante maiorquín Eugenio García
  • A Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte acolleu hoxe as 5 da tarde a inauguración desta mostra, na que estivo presente a Concelleira de Cultura, Marina Doutón
  • A exposición está composta por 24 láminas de paxaros que habitan na contorna do val de Lemos, e están debuxada coa técnica do «gouache»
  • Permanecerá aberta para todos os públicos ata o luns 26 de xullo e poderá visitarse en días laborables, de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 21:00 horas, con entrada gratuíta para todos os públicos

 

Dentro das actividades organizadas polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte no espazo expositivo da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, na tarde de hoxe abriu unha nova mostra pictórica.

Trátase da exposición “Paxaros do Concello de Monforte de Lemos” do debuxante maiorquín Eugenio García, que permanecerá aberta para todos os públicos dende hoxe e ata o luns 26 de xullo. A mostra está composta por 24 láminas de paxaros que habitan na contorna da comarca de Lemos.

No acto inaugural, ademais do propio ilustrador, estivo presente a Concelleira de Cultura, Marina Doutón.

Eugenio García é un debuxante da natureza procedente de Mallorca e dende hai anos residente en Monforte de Lemos. Logo da observación e o estudo durante anos das aves do Concello de Monforte e comprobando a súa gran variedade xurdíulle a idea de debuxar as máis representativas.

Con estes 24 debuxos sobre os paxaros de Monforte o autor tenta achegar as aves ás persoas para que observen de preto a súa beleza e sexan apreciadas un pouco máis.

O autor leva máis de vinte anos debuxando paxaros empregando a técnica do «gouache» unha especie de acuarela, obtendo debuxos moi realistas para que o observador poida apreciar a beleza das aves.

Colaborou en publicacións e participou en diferentes exposicións sobre ornitoloxía. No 2019 impartiu unha charla no Colexio Novo de Monforte sobre o Martín Peixeiro no río Cabe, con fotos e debuxos para explicar os costumes deste paxaro.

A idea do Eugenio García é facer medrar a afección á ornitoloxía, unha actividade saudable e reconfortable.

A exposición permanecerá aberta na sala de exposicións da Casa da Cultura de Monforte ata o día 26 de xullo, e poderá ser visitada en días laborables, de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 21:00 horas, con entrada gratuíta para todos os públicos.

 

También te podría gustar...