Pautas a seguir para unha alimentación segura e saudable durante o verán

  • Sanidade lembra as pautas a seguir para unha alimentación segura e saudable durante o verán
  • A Administración sanitaria galega aconsella a aplicación do decálogo de hixiene e seguridade alimentaria da Organización Mundial da Saúde
  • Ademais de manter unha dieta rica en froitas e verduras, é necesario que estas se laven minuciosamente con auga potable

 

XCV_33_PORTADAA Consellería de Sanidade aconsella a aplicación do decálogo de hixiene e seguridade alimentaria da Organización Mundial da Saúde para asegurar un verán saudable. Así, a administración sanitaria galega, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, destaca a importancia da utilización do frío para a conservación dos alimentos, o cociñado completo dos mesmos e acadar temperaturas de arredor de 70ºC cando se requenten.

Sanidade lembra que as temperaturas máis altas do verán poden favorecer o deterioro máis rápido das comidas e, por iso, non deberían transcorrer máis de dúas horas entre o cociñado e o seu consumo, agás que se conserven a temperaturas menores de 5ºC e protexidas dos insectos ou doutros animais.

A hixiene frecuente das mans cando se está a manipular alimentos é sempre importante, pero especialmente no verán, dado que as condicións térmicas provocan o maior estrago dos mesmos. É conveniente lavalas cando se comece o traballo de manipulación e despois de calquera interrupción nel. Por este motivo, debe atenderse cun especial coidado á limpeza das superficies de cociña e mantelas sempre ben coidadas. Tamén é importante, á hora de almacenar os alimentos, que se separen os crus dos cociñados e que nunca entren en contacto.

A Dirección Xeral de Saúde Pública engade que as medidas preventivas divulgadas pola Organización Mundial da Saúde deben completarse coa recomendación de que só se consuman alimentos dos que se coñece a súa orixe.

En canto ao mantemento dunha alimentación saudable, Sanidade lembra que é necesario que esta sexa variada e rica en froitas e verduras, sen esquecer lavalas previamente con auga potable, a única que debe consumirse. Do mesmo xeito, débense introducir na dieta outros alimentos ricos en fibra como os cereais integrais, pois provocan diversos efectos beneficiosos no organismo e axudan á prevención de enfermidades.

A Consellería indica tamén outros consellos que se deben ter sempre presentes en canto á alimentación, como consumir peixe varias veces por semana e moderar a inxestión de graxas, azucre e sal. Estas recomendacións son de carácter xeral, polo que tamén se aconsella que se adapten a cada persoa segundo as súas características mediante as indicacións médicas necesarias.

Para máis información neste ámbito pode acudirse á páxina do Servizo Galego de Saúde (http://www.sergas.es/) e á da iniciativa promovida pola Consellería Xente con Vida (http://xenteconvida.sergas.es).

También te podría gustar...