Patronais 2022: “unhas Festas que serán para recordar”
- O Alcalde presenta o programa das Patronais 2022 de Monforte, “unhas Festas que serán para recordar”
- José Tomé Roca subliñou que “todos os concertos e actividades das Festas e do Verán Cultural serán de carácter gratuíto, e incluirán unha gran variedade de estilos para todo tipo de públicos”
- “Monforte volve a celebrar esas Festas Patronais por todo o alto, dando ese paso definitivo cara á normalidade que todos desexamos”
- O rexedor monfortino salientou a aposta firme que o Concello fixo polos grupos musicais monfortinos, que estarán presentes nas actividades de rúa das Festas, no Día do Gaiteiro, o 15 de agosto, e no Verán Cultural a través do novidoso programa “Grupos de Monforte. Concertos na rúa”
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer onte o programa completo das Festas Patronais 2022, que se van celebrar do 11 ó 16 de agosto na cidade do Cabe.
“Por fin despois destes dous últimos anos” salientou José Tomé, Monforte volve a celebrar as súas Festas Patronais que volven por todo o alto, e creo que van ser unhas festas para recordar”, destacou o Alcalde que baseou o éxito das mesmas en diversos motivos: “en primeiro lugar, porque volven despois da pandemia; en segundo lugar, porque vai haber máis días de festa, unha excepción que nunca houbo; e terceiro lugar, por o programa que está preparado para as Festas, cheo de concertos gratuítos, os fogos de San Vicente e do Río, pasarrúas (…)
O Alcalde recordou que foi no mes de maio cando se anunciaron os concertos musicais das festas e sinalou que “estamos convencidos de que os concertos programados van ser capaces de encher o recinto das Festas, debido á calidade das actuacións e tamén debido ó variado dos estilos musicais”.
Tal e como se comprometera o Alcalde, Monforte contará este ano cun día máis de Festas Patronais pasando de 5 a 6 días. De tal xeito que o día do Pregón será o día 10 de agosto, a cargo de Margarita Rodríguez Otero, e os concertos empezarán o día 11 e rematarán o día 16 de agosto.
“Monforte volve a celebrar esas Festas Patronais por todo o alto, dando ese paso definitivo cara á normalidade que todos desexamos”, recalcou o rexedor municipal.
PROGRAMA MUSICAL DAS FESTAS PATRONAIS
O Alcalde recordou o programa de actuacións musicais, que xa foran anunciadas no mes de maio, ás que se engade a actuación do día 10 na praza de España, que non fora anunciada no seu momento.
–Mércores día 10:
- Pregón, a cargo de Margarita Rodríguez Otero.
- Concerto de ROCIO CAAMAÑO na Praza de España. Artista de música pop procedente da Costa da Morte, que actuará ás 10 e media da noite.
–Xoves día 11:
- Orquestra PANORAMA
- Orquestra FINISTERRE
- Concerto de MARÍA DO CEO na Praza de España, co seu espectáculo “A Fadista”.
–Venres día 12:
- LA OREJA DE VAN GOGH
- Orquestra LOS SATÉLITES
–Sábado día 13:
- EDURNE
- GIN TONI´S
–Domingo día 14:
- ROSARIO
- Orquestra LOS PLAYER`S
–Luns día 15:
- FOGOS ARTIFICIAIS DENDE SAN VICENTE
- ANA MENA
- Orquestra COSTA DORADA
–Martes día 16:
- FOGOS ARTIFICIAIS DO RÍO CABE.
- MAGO DE OZ
- Orquestra ACORDES
Tamén durante a celebración das Festas Patronais, terán lugar as actuacións, entre outros, do Grupo de Batucada Creativa, do Grupo de Gaitas e Pandereteiras Os Xograres de Lemos, do grupo de Batucada Baturruca, e da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta, todos eles de Monforte, que amenizarán con pasarrúas as tardes dos días 11, 12, 13 e 16 de agosto.
O luns 15, terá lugar o Día do Gaiteiro, no que alboradas de grupos de gaitas sairán pola mañá e percorrerán diferentes rúas da cidade. Pola tarde, na Praza de España terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional. En ambos casos, a maioría de grupos de gaitas e de danza son de Monforte.
PROGRAMA DO VERÁN CULTURAL
“O programa do Verán que elaboramos para o mes de agosto contén un amplo abano de actividades que conforman un completo programa cultural, co obxectivo de ofrecer unha ampla diversidade de actividades para dar satisfacción a todo tipo de públicos”, apuntou o rexedor monfortino. “E nel teñen especial cabida os grupos e músicos monfortinos, porque o noso obxectivo é saír adiante xuntos e non deixar a ninguén atrás”.
O Alcalde destacou así as principais novidades do Verán Cultural:
Gala Máxica Galega
O domingo 7 de agosto terá lugar esta gala de maxia, na praza de España, a partir das 22:30 h, coas actuacións do Mago Rafa e o Mago Iago entre outros.
Grupos de Monforte: Concertos na Rúa
Unha das principais novidades do Programa de Verán deste ano, será este ciclo de concertos, “no que apostamos decididamente por darlle protagonismo ós grupos monfortinos”.
Para as diferentes actuacións destes grupos, o Equipo de Goberno destinou 3 ubicacións que serán a Zona da Compañía, nas inmediacións do bar Cristal, a Praza da Estación e a Praza de España. Os 10 grupos protagonistas deste ciclo serán:
-O luns día 8 de agosto: Cero2cero e Cool Flanders, na zona da Compañía.
-O martes 9 de agosto: Los Jinetes del Trópico, na Praza de España.
-O martes 23 de agosto: Dinosaurios e Doc Magoo’s, na Praza da Estación.
-O mércores 24: Penny Lane e Movilla y Los Irrepetibles, na Zona da Compañía.
-O xoves 1 de setembro: The Poet Silence, na Praza da Estación.
-E o venres 2 de setembro: Ad Heira Liti e Deloreans, na Praza de España
Concertos en colaboración coa Deputación de Lugo
-O Concello de Monforte organiza, en colaboración coa Deputación de Lugo, os seguintes concertos, na Praza de España:
-Venres 12 de agosto: Banda de música de Vilalba
-Sábado 13 de agosto: concerto do grupo monfortino Vera Lynn
-Domingo 14 de agosto: Banda de Música de Antas de Ulla.
-Martes 16 de agosto: Baile-concerto Banda de Acordeóns O Folión.
VIII Festival Cómico Festivo “A Rúa é Vosa”
Este festival desenvolverase paralelamente ó longo das Festas Patronais, concretamente do 11 ó 16 de agosto, e terá como escenarios a Praza de España e a rúa Cardenal.
O programa do festival contará coa participación de 8 grupos, e os protagonistas serán a música, a maxia, as acrobacias aéreas, o clown, os monicreques, o mimo, o circo e a danza.
Monforte Fusión
Outro dos ciclos que será novidade este ano, e no que tamén colabora a Deputación de Lugo, será o adicado a música de fusión, no que a música lixeira, o jazz, o tango, o bolero, a bossa nova, o funky, o soft rock ou o swing serán os estilos protagonistas.
Este ciclo terá lugar do 18 ó 20 de agosto, e os espazos que o acollerán serán a Praza de Abastos, a praza de Doutor Goyanes, a rúa do Cardenal, a praza dos Chaos, o Barrio da Estación, a Compañía e a Praza de España.
Ademais destas novidades, no programa de Verán Cultural non faltarán citas que xa son habituais nel como:
- Os Paseos en Barca polo Cabe, durante os meses de xullo, agosto e setembro.
- A Exposición de Carteis do XXVII do Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais, do 18 de xullo ó 16 de agosto.
- A 22ª Mostra Artelemos, do 5 ó 9 de agosto.
- O Festival Carude Rock, o 5 de agosto.
- A Feira de Oportunidades de Verán, o 20 e 21 de agosto.
- A Festa da Empanada de Ribasaltas, o 21 de agosto.
- A XXIII Feira do Libro de Monforte, do 24 ó 27 de agosto.
- O venres 2 de setembro o Concello conmemorará o 25 aniversario da Coral Polifónica do Concello de Monforte, cunha serie de actos que anunciaremos no seu momento.
- O XXI Festival de Habaneras e o Festival do Paradiso, ambos o sábado 3 de setembro.
- A Xornada Europea da Cultura Xudía, o 4 de setembro.
- E a Festa do San Mateo o mércores 21 de setembro, que pechará o Programa Cultural de Verán.
Unhas Festas Patronais e un Verán Cultural esenciais para a dinamización económica da cidade
Logo do relatorio das principais actividades sinaladas polo Alcalde para os meses de agosto e setembro, destacou que “por todo o exposto, creo que cumprimos co noso compromiso de seguir organizando cada ano unhas Festas Patronais e un Programa do Verán Cultural acordes co que merece a nosa cidade e tamén acorde co que necesita o noso tecido produtivo como é o comercio, a hostalería e todo o relacionado co mundo do turismo”.
“Porque”, continuou José Tomé, “tanto as Festas Patronais como o Programa de Verán son un revulsivo económico que permite que moitas pequenas empresas garantan a súa pervivencia pola actividade económica que desenvolven durante o verán, especialmente durante as Festas Patronais.”
O rexedor monfortino sinalou que “hoxe xa se fala das Festas de Monforte como un referente non só no sur da provincia, senón tamén en outras moitas zonas de Galicia, e creo que co programa musical que as protagonizarán este ano, vas supor un rotundo éxito para o noso Concello. Porque creo que este ano, as Festas Patronais teñen probablemente o mellor programa musical en moitos anos, tanto no que se refire ós concertos, como o que se refire ás orquestras que acompañan ás actuacións principais”.
“En resumo”, concluíu o Alcalde, “creo que o Programa que elaboramos para as nosas Festas Patronais deste ano 2022 e para o noso Verán Cultural, é un moi bon programa que pretende que as Festas Patronais sexan cada vez máis as festas de todos e que, dalgunha maneira, os veciños e veciñas de Monforte e de fora da cidade teñan a certeza de que hai unha liña de continuidade relativa á variedade e á calidade das nosas Festas, liña que recuperamos tras o parón de dous anos motivado pola pandemia”.
José Tomé concluíu a súa intervención desexando a todos os monfortinos e monfortinas unhas felices Festas, e tamén a todos aqueles que visitan o Concello, e animounos a todos a participar e a disfrutar activamente nelas.