Paso decisivo para a constitución do Consorcio Provincial contra Incendios

Deputación Ourense

 

O vindeiro luns, 29 de decembro, terá lugar a reunión da asamblea integrada polos deputados provinciais e o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia na que someterán a aprobación provisional os estatutos do Consorcio provincial de Ourense para a prestación do servizo contra incendios e salvamento.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirma que este é “un paso decisivo para a constitución do dito consorcio provincial, pois unha das medidas do Plan Ourense 92 era xestionar con máis axilidade os temas de emerxencias, e todas as actuacións levadas a cabo neste senso nos últimos meses foron enfocadas con ese fin: unificar os consorcios comarcais, facendo un modelo único a nivel provincial, o que levou a que Xunta a Deputación de Ourense intensificaran os contactos para redactar os estatutos do consorcio provincial, que se aprobarán inicialmente o vindeiro día 29”. O presidente destacou que de seguido comezarán os trámites para que “no primeiro trimestre de 2015 o Consorcio Provincial de Incendios sexa unha realidade, acadando así o Plan Ourense 92 a materialización dunha das súas medidas máis ambiciosas”.

O obxecto do consorcio é a execución das competencias do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento que se lles atribúen na lexislación vixente aos entes consorciados, mediante a xestión e coordinación, e no seu caso a creación,  dunha rede de parques que garanta a prestación homoxénea do servizo, por calquera das modalidades de xestión previstas na lexislación.

Entre os fins do consorcio estará a colaboración cos servizos municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens; a prevención e extinción de incendios; a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco; e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguridade, que afecten a persoas, edificacións e instalacións; así como o fomento da autoprotección.

O ámbito de actuación do consorcio será toda a provincia de Ourense, se ben o consorcio poderá establecer as áreas de actuación preferente de cada parque de bombeiros, atendendo basicamente aos tempos de resposta en funcións das comunicacións por estrada do parque. Excepcionalmente, a Axencia Galega de Emerxencias, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia poderá solicitar, de acordo co protocolo que se estableza para o efecto, a actuación do consorcio fóra da provincia de Ourense, cando as circunstancias o requiran. Asemade, no caso de activación de plans de emerxencia da comunidade autónoma, tanto territoriais como especiais, o ámbito de actuación será o fixado mediante as directrices do director do plan activado.

Quedan excluídos do ámbito de actuación deste consorcio aqueles concellos de máis de 20.000 habitantes, nos que se preste o servizo de extinción de incendios e salvamento con persoal propio e teñan parque de bombeiros de seu, tanto de tipo local como comarcal, agás que se acorde polo Pleno do consorcio provincial a cooperación cos mesmos mediante os oportunos convenios de colaboración.

 

También te podría gustar...