«Parroira Bike», 400 participantes na súa sétima edición
- 400 participantes daranse cita na sétima edición de «Parroira Bike»
- A proba deportiva que se disputará o vindeiro domingo, 2 de outubro, no Concello da Merca, conta cun percorrido de 67 quilómetros
O Concello da Merca acollerá o vindeiro domingo, 2 de outubro, a sétima edición de «Parroira Bike», unha proba deportiva que conta con 400 inscritos que realizarán un percorrido de 67 quilómetros. A presentación desta celebración tivo lugar onte no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o concelleiro de Deportes do Concello da Merca, José Manuel Taín; e o presidente e membros da directiva do Club Ciclista Endoureiros, Antonio Gago, Javi Soto e Juan Luis González, respectivamente.
A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva que «auna deporte, ocio e saúde, e na que o ano pasado participaron 550 persoas, polo que resulta ser a máis numerosa de todas as carreiras deste tipo que se celebran na nosa provincia», sinalou Rosendo Fernández, que engadiu que o goberno provincial «sempre está ao carón das actividades vinculadas á cultura e ao deporte, e que axudan a dinamizar a nosa provincia».
Antonio Gago, quen explicou os aspectos técnicos da proba, asegurou que este ano «será unha das mellores edicións que vamos a facer tanto polo percorrido como polas paisaxes polas que vai a transcorrer o evento, que levamos a cabo con moito traballo intentando promocionar o municipio e o seu entorno natural».
En canto á ruta, o presidente do Club Ciclista Endoureiros explicou «que cada ano tratamos de variala no seu percorrido para que a xente teña algo novo sempre que visualizar e de recuperar antigos camiños. Como novidade este ano limitamos o número de inscricións a 400, porque consideramos que as zonas polas que pasamos son zonas técnicas, complicadas e estreitas. O recorrido son 67 quilómetros cunha dureza técnica elevada, durante os cales haberá dous avituallamentos».
«A saída será ás 8.30 horas da mañá e vaise realizar por caixóns de 100 corredores cada cinco minutos para dar marxe de tempo para que nos primeiros quilómetros poidan abrir os grupos», dixo Antonio Gago.
Pola súa parte, José Manuel Taín destacou que este ano «participará xente de Castela León, A Coruña, Madrid, Salamanca, Asturias, Almería, entre outros lugares», e dixo que para o Concello é «un honor que n grupo tan profesional queira realizar de novo este evento na nosa localidade».
Juan Anta asegurou que o goberno provincial apoia «este tipo de iniciativas que non só están vinculados co deporte, senón tamén co turismo, pois a través delas podemos dar a coñecer os nosos territorios».