Parque público en Viana

  • O BNG de Viana do Bolo insta ao Concello a incorporar a titularidade municipal a finca «Coleman» e destinala a parque público
  • O BNG de Viana considera que esta finca pola súa situación, dimensión e orientación é ideal para dotar a Viana do Bolo dun parque público, dotación da que carece a nosa capitalidade municipal e que é fortemente demandado polas veciñas e veciños
  • A finca “Colemán” está situada no centro da vila de Viana enfronte da casa do concello na ladeira que vai cara o encoro do Bao. Conta cunha superficie duns 14000 m². Esta finca, así como as edificacións anexas están nunha situación de abandono e ruína

 

O grupo municipal do BNG propón que dende o goberno municipal se fagan as xestións precisas ante os seus propietarios para que a finca “Coleman” pase a titularidade municipal co obxectivo de dotar a capitalidade municipal dun parque público. Hai que ter en conta que a capitalidade municipal carece deste tipo de dotación tan necesaria para a poboación de Viana

O BNG considera que é moi necesario unha area de esparexemento para poder pasear tranquilamente ou xogar cos cativos nun entorno privilexiado e cunhas vistas tan espectaculares como as que se observan dende esa zona situada no centro da vila de Viana. Sería tamén un bo lugar para que as persoas que nos visitan tiveran unha zona dende onde gozar e admirar a beleza natural da contorna de Viana. Hai que ter en conta que Viana ten unha proporción importante de poboación xubilada que necesita espazos para esparexemento.

A finca coñecida como “Colemán” linda polo norte coa rúa Constitución e xardíns do Sarito e polo sur coa estrada de Vilariño e ten unha superficie duns 14000 m² e atópase nun estado lamentábel, practicamente abandonada e as edificacións en estado de ruína.

Dende o BNG de Viana consideramos que para poder incorporala a titularidade municipal e posterior transformación nun parque público o concello dispón de fundos de remanentes municipais.

Para que esta finca pase a dominio público o BNG de Viana presentará unha proposta para o próximo pleno para que se fagan realidade as demandas expresadas numerosas veces polas veciñas e veciños de Viana do Bolo.

También te podría gustar...