Paro: baixada do 9,92% con respecto a 2015
- Galicia pecha setembro cunha baixada do paro do 9,92% con respecto a 2015 acadando preto de 3 anos de descensos consecutivos
- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou hoxe que a Comunidade remata setembro con 21.401 desempregados menos que hai un ano e que presenta un comportamento mellor que a media do Estado
- Apuntou que o paro baixa nas principais variables con respecto a hai 12 meses: nas catro provincias, 7 grandes cidades, todos os sectores e tramos de idade e tanto en homes como mulleres
- Sinalou que a construción lidera o descenso do paro cun -17,39% seguido da industria cun -12,76%, e con respecto aos menores de 30 anos, explicou que o paro cae nun -16,31% e nun -5,90% entre os maiores de 44
- As afiliacións á Seguridade Social seguen crecendo, nun 1,61% con respecto a setembro de 2015, o que reflicte que o crecemento estase a consolidar, segundo a secretaria xeral
- Toca destacou que o Goberno galego continúa traballando para afianzar esta evolución e seguir creando emprego estable e de calidade na Comunidade autónoma
Galicia pechou o mes de setembro cun total de 194.336 persoas desempregadas, o que supón que o paro baixa con respecto a hai un ano nun -9,92%. É dicir, Galicia conta hoxe con 21.401 desempregados menos que en 2015, o que supón xa preto de 3 anos de baixadas consecutivas.
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos destacando que é a maior caída interanual producida nun mes de setembro de toda a serie histórica (desde 1996) e sinalando que con respecto a hai un ano descende nas principais variables: nas catro provincias, as 7 grandes cidades, todos os sectores, tramos de idade e tanto en homes como en mulleres. Con respecto á comparativa co Estado, a Comunidade presenta un comportamento mellor que a media, situándose 0,79 puntos por enriba (na media estatal baixa nun -9,13% fronte ao -9,92% de Galicia).
En canto ás provincias, detallou que a de Ourense lidera a baixada con respecto a setembro de 2015 (-10,45%), seguida de Pontevedra (-10,36%), Lugo (-10%) e A Coruña (-9,31%) e sobre os sectores de actividade, apuntou que o desemprego diminuíu en todos eles, liderando o descenso con respecto a hai un ano a construción nun -17,39%, seguido da industria cun -12,76%. Toca, ademais, salientou que o número de persoas sen emprego acadou un descenso do -16,31% entre os menores de 30 anos con respecto ao ano pasado e do -5,90% entre os maiores de 44.
A secretaria xeral de Emprego valorou, así mesmo, os datos das afiliacións á Seguridade Social destacando que o crecemento estase a consolidar, xa que aumentan con respecto a hai un ano nun 1,61% sendo xa 30 as subidas consecutivas, desde abril de 2014.
Con respecto ao mes pasado, o paro rexistrado subiu nun 0,67% concentrándose o incremento fundamentalmente nos sector servizos. Toca explicou ao respecto que as subidas do paro no mes de setembro se producen de xeito habitual resaltando que o aumento producido este mes con respecto a agosto é, sen embargo, o segundo menor desde o inicio da crise. O incremento é similar ao rexistrado no Estado.
Por último, a secretaria xeral de Emprego apuntou que Galicia continúa coa “tendencia positiva” e que, polo tanto, a Xunta seguirá traballando para afianzar esta evolución e “seguir creando emprego estable e de calidade”. “Estamos no camiño da recuperación económica e seguimos tendo menos paro que cando este Goberno tivo que facer fronte á crise económica e a dúas recesións consecutivas”, rematou.