Pantón: novo centro de saúde
- O SERGAS cubrirá de forma continuada a terceira praza do médico de saúde de Pantón
A Xunta insiste en que o centro de saúde de Ferreira de Pantón mantén e manterá a tres prazas de facultativo asignadas, tanto na actualidade como cando comece a funcionar o novo centro de saúde que o SERGAS construirá no concello.
A xerencia sanitaria de Lugo levaba semanas traballando e realizando os trámites necesarios para lograr cubrir de xeito continuado cun mesmo facultativo a praza que quedara vacante por un concurso de traslados. As xestións para cubrir esa terceira praza de modo continuado, culminarán nos vindeiros días.
Desde a Xunta sinalan que “malia as continuas críticas e a utilización política dunha situación provocada, exclusivamente pola escaseza de persoal nas listas de contratación que imposibilita cubrir todas as ausencias, permisos, vacantes e outras situacións laborais que se producen a diario nos centros de saúde e hospitais, a xerencia sanitaria de Lugo mantivo en todo momento o seu compromiso de cubrir cun mesmo facultativo a praza vacante de Ferreira de Pantón. Con todo, mentres non foi posible a cobertura desta praza de xeito continuado, foise cubrindo sempre que foi posible conseguir un substituto.”
Novo centro de saúde
O Sergas construirá un novo centro de saúde en Ferreira de Pantón que incrementará a superficie do actual ao tempo que permitirá mellorar a organización funcional do centro creando espazos máis amplos, modernos e funcionais.
O centro de saúde de Pantón ten adscritas 2.100 tarxetas sanitarias, unha media de 700 cartillas por facultativo, mellorando significativamente a ratio considerada ideal polas sociedades científicas.