‘Pacto termal nacional’ para promocionar o termalismo no mercado mundial, proposta de Manuel Baltar

  • Manuel Baltar propón «un pacto termal nacional» entre o sector público e o privado «para xerar un polo de atracción no turismo de ocio, saúde e cultura»
  • O presidente do goberno provincial e a Deputación de Ourense, protagonistas na publicación máis importante de España no ámbito do termalismo, «Tribuna termal»
  • «Posicionarnos no mundo cunha marca característica dará ao noso termalismo un plus de competitividade fronte a outros destinos convencionais», afirma Baltar

Manuel Baltar

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, propón un «pacto termal nacional» para promocionar o termalismo no mercado mundial. Así o expresa nunha entrevista ofrecida a «Tribuna Termal», a publicación máis importante de España en materia de termalismo, onde afirma que en España podemos crecer neste sector, «e é necesario liderar unha iniciativa, na que xa estamos a traballar na Deputación de Ourense, para poñer de acordo ao sector privado, ás institucións públicas e aos usuarios, traballando todos na mesma dirección para xerar un polo de atracción turística, cultural e de ocio que promova as singularidades sociais e económicas que ten o termalismo, algo no que a provincia de Ourense xa é protagonista e un referente en turismo de ocio e saúde en Europa».

O presidente do goberno provincial remarca o auxe do termalismo, «que é unha panca de desenvolvemento en Ourense, capital da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal», subliñando como exemplo «a ocupación do 100 % das prazas en establecementos termais que se produciu na pasada Semana Santa na provincia ourensá», e tamén pon de relevo a importancia «de contar cun plan específico de termalismo, o Plan «Ourense, a provincia termal», que desenvolvemos conxuntamente coa Xunta de Galicia, e a transcendencia que o termalismo ten para a «marca Ourense», e o «protagonismo termal» que a provincia de Ourense ten no ámbito nacional «con iniciativas innovadoras como o Termalismo Deportivo, o Termalismo social, ou mesmo infraestruturas como a primeira piscina termal fluvial, que se instalará en Laias». Neste sentido, Baltar afirma que posicionarnos no mundo «cunha marca característica dará ao noso termalismo un plus de competitividade fronte a outros destinos convencionais».

En concreto, en canto ao termalismo saudable Baltar salientou na entrevista que esta iniciativa é «pioneira, que está a consolidar e ten unha vertente internacional pois estamos a contar tamén con usuarios do norte de Portugal. Outras zonas termais de España interesáronse por este programa para implantalo nos seus territorios».

Para o presidente da Deputación de Ourense a palabra «Ourense» e «termalismo» van da man porque «a calidade das nosas augas para tratamentos é importante e está máis que acreditada. Outra área que estamos a explorar é tentar que os tratamentos termais entren dentro da carta de servizos do sistema nacional de saúde, é un reto moi difícil pero gústannos os retos difíciles».

 

También te podría gustar...