Pablo Rodríguez “representa os mellores valores do deporte e leva con orgullo o nome de Maceda e o de Ourense”
Homenaxe ao ciclista Pablo Rodríguez, en Maceda, pola súa traxectoria deportiva.
- Manuel Baltar afirma que o ciclista ourensán “representa os mellores valores do deporte e leva con orgullo o nome de Maceda e o de Ourense”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu onte ao acto de homenaxe ao deportista ourensán Pablo Rodríguez Guede, que tivo lugar no Concello de Maceda. O Pavillón Municipal de Deportes de Maceda pasa a chamarse dende hoxe, Pablo Rodríguez, en homenaxe ao ciclista macedán pola súa traxectoria deportiva no mundo do ciclismo.
Manuel Baltar afirmou “Pablo é un ourensán universal, representa os mellores valores do deporte e leva con orgullo o nome de Maceda e o de Ourense “,e engadiu “a Deputación de Ourense apoia a súa traxectoria e seguirá ao seu carón porque o seu futuro non ten límites”.
Pablo Rodríguez gañou de novo este ano o Campionato de España Sub-23 de bicicleta de montaña (BTT) que se suma os tres gañados anteriormente nos anos 2012, 2013, 2014. Ademais conseguiu o segundo posto na Copa do Mundo Sub-23 e é campión de Europa Sub 23 de mountain bike na especialidade de cross country.
Durante o acto de homenaxe tivo lugar unha demostración dun adestramento da Escola de Ciclismo J.A. Hermida, algo que recordou aos comezos de Pablo Rodríguez, que se iniciou a súa formación no mundo do ciclismo nesta escola.
Ademais, e con motivo do décimo aniversario da Escola de Ciclismo J.A. Hermida, proxectouse un vídeo que deu mostra do percorrido do club macedán durante estes anos.