Ourense: tres novos coworkings, un na Rúa
- Gabriel Alén subliña a importancia dos coworkings na consolidación de proxectos innovadores de emprendemento
- No acto de exposición dos tres novos espazos de traballo colaborativo que a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vai botar a andar na provincia
- O delegado territorial significou que este tipo de lugares de traballo están destinados a emprendedores que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento
- Gabriel Alén, nun acto informativo coa cooperativa Trictrack Circuítos Permanentes S.C.G, chama a participación dos emprendedores e subliñou que hai un total de 60 prazas (20 prazas para cada un dos espazos coworking), dentro dun período de inscrición que está aberto ata que se cubran as prazas
- Esta edición contará con tres novos espazos na provincia: Coworking Mancomunidade de Carballiño, Coworking Valdeorras, con sede na Rúa e Coworking Tecnópole, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas
O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, explicou onte que o Goberno galego activará, neste mes de xaneiro, tres novos espazos coworkings na provincia de Ourense. Este tipo de lugares de traballo, -segundo Gabriel Alén- están destinados a emprendedores que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, e teñen permitido ata o de agora impulsar un cento de iniciativas emprendedoras na provincia. A finalidade é a de favorecer o impulso de zonas rurais ao achegarse un programa de alto valor engadido a estas contornas.
O delegado territorial, nun acto informativo coa cooperativa Trictrack Circuítos Permanentes S.C.G, sinalou a importancia deste tipo de iniciativas para aquelas persoas que teñan unha idea de emprendemento ou un proxecto en mente e non saiban como desenvolvelo; e subliñou que hai un total de 60 prazas (20 prazas para cada un dos espazos coworking), dentro dun prazo de inscrición que está aberto ata que se cubran as prazas.
Os coworkings son espazos de traballo que se poñen ao dispor de todos aqueles interesados, para que ao longo de 5 meses participen en distintas actividades tales como talleres, sesións de formación en grupo, mentorizaxe por parte de expertos…, coa finalidade de conseguir que os emprendedores poidan poñer en marcha en pouco tempo os seus proxectos. Esta edición contará con tres novos espazos na nosa provincia: Coworking Mancomunidade de Carballiño, con sede no Carballiño, Coworking Valdeorras, con sede na Rúa e Coworking Tecnópole, con sede na propia Tecnópole, no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas.
Estes espazos coworkings son froito da colaboración entre EOI e a Xunta a través do Instituto Galego de Promoción Económica – IGAPE, que conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e o IGAPE. Esta convocatoria está destinada a emprendedores cun proxecto empresarial en fase temperá de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente (non mais de 6 meses).
Neste sentido, os coworkings, máis alá do propio espazo, ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes. Estes espazos empregaranse varias veces por semana, para as sesións de formación e para as titorías co mentor.
Esta iniciativa enmárcase dentro da rede de aceleradoras que apoia o Goberno galego e da que forman parten programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future, Connecting For Good Galicia ou as business factories vinculadas á industria da automoción (BFAuto), o sector agroalimentario (BFFood) e o aeroespacial (BFAero).
O exemplo de Trictrack Circuítos Permanentes S.C.G
Trictrack Circuítos Permanentes S.C.G é unha cooperativa que participou no programa 2Work de Celanova 2020 e que se dedica a instalar circuítos permanentes de orientación, destinados ao uso deportivo, de lecer, turístico e tamén educativo, para o que desenvolveron unha aplicación móbil, que utiliza tecnoloxía bluetooth e códigos QR.
A Ruta do Comercio para ProLimia como ferramenta para o fomento do comercio local e ¿Qué sabes sobre Harry? para lecer e turismo, están entre os eventos máis destacados que realizaron nas últimas semanas.