Ourense será o referente das industrias culturais e creativas coa celebración do encontro “Ourenseiccweek”
Ourense será o referente das industrias culturais e creativas coa celebración do encontro “Ourenseiccweek”.
Promovido pola Deputación de Ourense, o evento reunirá entre os días 23 e 28 de marzo en torno ao ámbito audiovisual a expertos, emprendedores, empresarios e público en xeral
O programa inclúe relatorios, entrevistas, net party, concertos, showcases, rede negocios e master class sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, Apps e vídeo-xogos
Os eventos desenvolveranse no Pazo dos Deportes “Paco Pazo” e en diferentes vilas da provincia de Ourense
A provincia de Ourense converterase no punto de encontro das industrias culturais e creativas de España coa celebración do “Ourenseiccweek”, un evento promovido pola Deputación de Ourense que reunirá entre os días 23 e 28 de marzo a emprendedores, empresarios e expertos do ámbito audiovisual e a público en xeral dentro da Semana das industrias culturais e creativas.
O programa inclúe relatorios, entrevistas, net party, festivais, concertos, showcases, rede negocios e master class sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, Apps e vídeo-xogos, que se desenvolveranse no Pazo dos Deportes “Paco Pazo” e en diferentes vilas da provincia de Ourense.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe este evento no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” acompañado do asesor cultural, César Fernández, e do coordinador técnico do “Ourenseiccweek”, Juan Rivas. Baltar destacou que esta iniciativa “converterá a Ourense no centro de referencia das industrias culturais e creativas sintuándoa na vangarda do audiovisual durante a semana en que terá lugar este importante evento”. Ademais, o presidente do goberno provincial subliñou que “Ourenseiccweek” nace cunha visión integral de provincia pois “promove e difunde a nosa cultura e riqueza monumental a cal se complementa coas iniciativas de vangarda que se están a dar nos ámbitos tecnolóxico, artístico e audiovisual e que poderán coñecerse no marco desta iniciativa”.
“Que Ourense sexa vista como un xermolo de ideas e creatividade é o obxectivo deste encontro”, afirma Manuel Baltar, quen agradeceu a César Fernández o traballo a prol desta actividade e a Juan Rivas o labor de coordinación que está a desenvolver.
Os obxectivos deste proxecto son, por unha banda, presentar a Ourense como unha área economicamente atractiva e industrialmente ben dotada, con infraestruturas e comunicacións de primeiro nivel, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais; e atraer expertos de diversos campos tecnolóxicos e marcas de referencia para fidelizar relacións e contactos profesionais.
Tamén se pretende transferir coñecemento a empresarios locais e abrir un espazo de debate en torno a novos negocios, dinamizar os espazos rurais e potenciar o valor das infraestruturas e o acervo cultural da provincia de Ourense.
Xerar canles de comunicación entre emprendedores, empresarios e expertos do sector audiovisual e sensibilizar sobre a importancia das industrias culturais e de entretemento como oportunidades laborais e de negocio son outras das finalidades do “Ourenseiccweek”, que terá a Radio 3 como emisora oficial do evento.
O amplo programa de actividades que se vai desenvolver na semana do 23 ao 28 de marzo abrangue os seguintes apartados:
- ICCWEEK: ao redor de 30 participantes, expertos en diferentes áreas presentarán charlas, cursos ou xornadas de traballo.
- ICCNET PARTY: é o punto de encontro de fanáticos da informática radical, gamers e desenvolvedores. Un espazo de conexión xigante que permite interactuar a centos de participantes con velocidades de rede astronómicas e todo o necesario para unha experiencia virtual extrema.
- ICCEXPO: venres e sábado. Unha feira con máis de 50 empresas do sector audiovisual e de formación especializada en industrias creativas.
- ICCTOUR: unha forma diferente de vivir a experiencia profesional.
- ICCNETWORKING: networking a tarde noite do xoves, unha actuación, charla e reunión cos medios.
- ICCEXPOCONCERT: un concerto para todos os públicos no Pazo dos Deportes «Paco Paz».
Os relatorios e charlas técnicas desenvolveranse en Celanova (Mosteiro de San Salvador), Esgos (Mosteiro de San Pedro de Rocas) e Vilamarín (Pazo de Vilamarín), sendo os temas que se abordarán “A industria da música e os seus axentes”, “O marco legal dos dereitos de autor e a propiedade intelectual”, “O mundo da vídeo-creación”, “Vídeo-xogos e tendencias dixitais”, “Os novos retos do audio e a produción musical” e “O futuro do cine visto polos seus protagonistas”.
Nos concertos, que se celebrarán o sábado, día 28, no Pazo dos Deportes “Paco Paz” actuarán Electric Feels, Isaac Torgal Dj, Marlango, Aurora & The Betrayers e Wöyza.
As inscricións para participar nas diferentes actividades da “Ourenseiccweek” así como a compra das entradas para os concertos pódense xestionar a través da páxina web: www.ourenseiccweek.com, onde se pode consultar ademais toda a información referida ao evento.