Ourense será a primeira provincia coa deonominación ‘Destino Turístico Intelixente’ e tamén a primera a incorporarse a ‘Turismo Senior de Europa’

  • O Goberno de España confírmalle a Baltar que Ourense será a primeira provincia coa denominación de «Destino Turístico Intelixente»
  • O presidente da Deputación reuniuse hoxe no Pazo Provincial co presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), quen destacou da institución provincial a súa innovación aplicada á xestión turística no ámbito do termalismo
  • López de Ávila confirmoulle tamén a Manuel Baltar que Ourense será, igualmente, a primeira provincia de España que se incorporará ao programa de «Turismo Senior de Europa» (Europe Senior Tourism)
Antonio López de Ávila e Manuel Baltar

Antonio López de Ávila e Manuel Baltar

 

O Goberno de España confirmoulle hoxe ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que Ourense será a primeira provincia coa denominación de «Destino Turístico Intelixente«. Así llo certificou o presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur), Antonio López de Ávila, quen, na reunión que mantivo con Baltar no Pazo Provincial, destacou «o labor de vangarda» que está levando a cabo a Deputación de Ourense coa posta en marcha de iniciativas innovadoras aplicadas á xestión turística, sinaladamente no ámbito do termalismo social e deportivo «que se traducen en promoción e competitividade para a provincia de Ourense», afirmou López de Ávila.

O presidente de Segittur destacou o proxecto de «Provincia Intelixente» que está a impulsar Manuel Baltar, iniciativa que cualificou de «innovadora e moi relevante» para posicionar a un territorio como a provincia, remarcando a importancia do traballo de internacionalización que o presidente do goberno provincial está a desenvolver da «marca Ourense», tanto no ámbito turístico, cultural, económico e empresarial, aplicando para elo a innovación na xestión e o uso das tecnoloxías.

De aí que Segittur, que ten como obxectivo desenvolver proxectos nos ámbitos da tecnoloxía, o emprendemento, a internacionalización, a innovación e o coñecemento aplicados a un sector tan dinámico e importante como o do Turismo, se fixase no traballo que está a realizar a Deputación de Ourense para certificar que o territorio ourensán será a primeira provincia co distintivo de «Destino Turístico Intelixente».

López de Ávila confirmoulle tamén a Manuel Baltar que Ourense será, igualmente, a primeira provincia de España que se incorporará aos programas de «Turismo Senior de Europa» (Europe Senior Tourism), que xestiona o Goberno de España. Este programa de viaxes é unha iniciativa pioneira no ámbito internacional dirixida a persoas europeas de máis de 55 anos que queiran gozar dunhas vacacións compartindo experiencias. A oferta abrangue gastronomía, natureza, ocio e cultura e nela participan destinos e establecementos, pero nunca ata o de agora, unha provincia fora homologada para integrarse neste proxecto. Ourense será a primeira.

Outro dos temas que abordaron Manuel Baltar e López de Ávila foi a difusión e promoción dos datos turísticos da provincia de Ourense. A este respecto o presidente de Segittur confirmoulle a Baltar a incorporación e volcado dixital de todos estes datos no portal web www.spain.info, para que ocupen un lugar destacado nesta importante ferramenta de promoción turística de España. Na actualidade, a provincia de Ourense e as súas excelencias turísticas xa ocupan un espazo destacado na web de Telecinco (www.telecinco.es), unha das páxinas dixitais máis visitadas e que conta con maior número de seguidores, superando os 16 millóns de entradas mensuais.

A reunión de hoxe entre Manuel Baltar e o presidente de Segittur supón un paso máis no labor de promoción da «marca Ourense». Días pasados, o presidente do goberno provincial reuniuse no Campus de Ourense cos expertos científicos de máis relevancia no ámbito turístico en España, con quen analizou o proxecto no que están a traballar, referido a «Destinos turísticos intelixentes», unha iniciativa que ten como obxectivo aplicar os últimos avances tecnolóxicos na xestión, xeo-localización e posicionamento turístico na procura de novos mecanismos para impulsar a innovación nos destinos co desenvolvemento das TICs. A finalidade é crear servizos diferenciais e altamente competitivos con base na tecnoloxía aplicada ao turismo.

Na reunión, Manuel Baltar propúxolles aos expertos ampliar o estudo que están a realizar para que contemple non só localidades concretas senón que abranga todo o territorio provincial e incorpore o concepto de «provincia intelixente» que está a promover Manuel Baltar, referido á provincia de Ourense, «co obxectivo de que este proxecto teña unha base territorial máis ampla, contemplando á provincia como un todo á hora de levar a cabo iniciativas turísticas innovadoras e de vangarda», afirma Manuel Baltar.

 

También te podría gustar...