Ourense será a capital mundial da literatura «Erguendo pontes literarias»

  • Ourense, capital mundial da literatura coa celebración do 82º Congreso do PEN Internacional
  • Máis de 250 escritores de todo o mundo daranse cita na provincia ourensá nun evento organizado pola Deputación de Ourense e o PEN Galicia, que terá como lema «Erguendo pontes literarias»
  • Manuel Baltar destacou na presentación que esta é «unha das grandes novas do ano para Ourense pola repercusión internacional que a nosa provincia terá no ámbito literario»

0 0 MB e PEN xan16

 

Máis de 250 escritores de todo o mundo daranse cita na provincia de Ourense nos meses de setembro e outubro próximos na celebración do 82º Congreso do PEN Internacional, o organismo máis importante do mundo no ámbito da literatura, dos dereitos humanos e da liberdade de expresión. A presentación do evento tivo lugar hoxe no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, e a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias.

O evento está organizado pola Deputación de Ourense e o PEN Galicia, e ten como lema «Erguendo pontes literarias». Manuel Baltar destacou na presentación que esta é «unha das grandes novas do ano para Ourense pola repercusión internacional que a nosa provincia terá no ámbito literario», e subliñou que Ourense «como provincia traballadora, emigrante e creativa que é transmitirá ao mundo esa creatividade da man da Deputación, que apoiou a candidatura do PEN Galicia para sexa España a sede do congreso e concretamente a provincia de Ourense».

A candidatura de Ourense competiu con outra en España como foi a presentada por Girona e con países como Ucraína, Filipinas, Bolivia e Alemaña. «Seremos o centro de debate mundial no ámbito literario e a Ourense virán destacados escritores e escritoras, grandes prescriptores de opinión, nun evento que conta co apoio decidido do goberno provincial», afirmou Manuel Baltar.

Pola súa banda Luis González Tosar dixo que esta é a segunda vez que Galicia acolle un congreso do PEN Internacional. «A anterior ocasión foi en 1993, en Santiago de Compostela», explicou e engadiu que a primeira vez que se tivo noticia en Galicia sobre o labor do PEN Internacional «foi da man de Eduardo Blanco Amor, en 1977, para anos máis tarde Javier Casares e quen lles fala botáramos a andar o PEN Galicia, hai concretamente 26 anos». Tosar dixo que o lema deste ano «é moi acaído nunha cidade e nunha provincia como Ourense caracterizada polas súas pontes, porque este ano preténdese unir concretamente dúas pontes no eido literario: a dos mundos hispanoamericano e lusófono».

Anxo Lorenzo dixo que supón «unha honra para Ourense e para Galicia acoller o congreso do PEN Internacional, o que lle dará unha grande proxección internacional á cultura galega, irmanando a creadores do mundo cos galegos e compartindo entre todos proxectos e plataformas de comunicación literaria».

Ademais da Asemblea Xeral de Delegados, á que está previsto que asistan sobre 250 congresistas, representando a máis de 70 países, haberá xuntanzas dos Comités da Paz, Tradución e Dereitos Lingüísticos, de Mulleres escritoras e dos Escritores en prisión. O programa literario aberto ao público contará con talleres, encontros con escritores de renome internacional, recitais e presentación. Ourense será a cidade para compartir e difundir entre toda a comunidade internacional, a través de mesas redondas, as situación nas que a liberdade de expresión está ameazada.

A XI edición dos Premios «Rosalía de Castro» coincide neste 2016, polo que será unha das actividades previstas para o 82º Congreso Mundial do PEN Internacional. O Centro PEN de Galicia, instituíu en 1996, os premios «Rosalía de Castro», destinados a galardoar, a través da proxección do conxunto da obra dun destacado autor ou autora, ás literaturas veciñas á nosa: en lingua castelá, catalá, portuguesa e vasca.

O congreso celebrarase entre os días 26 de setembro ao 2 de outubro.

También te podría gustar...