Ourense quere ser o primero «Destino Turístico Intelixente»
- A Deputación promove unha iniciativa para que Ourense sexa a primeira provincia recoñecida como «Destino Turístico Intelixente»
- Manuel Baltar reuniuse onte no Campus de Ourense cos principais expertos en turismo de España para analizar os últimos avances científicos e tecnolóxicos aplicados ao sector turístico, que permitirán situar á provincia de Ourense entre os territorios de vangarda na xestión, posicionamento e promoción das nosas potencialidade turísticas
- O presidente do goberno provincial propón que un equipo multidisciplinar de expertos en turismo analice os ámbitos termal, cultural, etnográfico, natural e do patrimonio histórico-artístico do territorio ourensán «para que Ourense sexa a primeira provincia que teña a catalogación de Destino Turístico Intelixente», afirma Manuel Baltar
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse onte no Campus de Ourense cos expertos científicos de máis relevancia no ámbito turístico en España, con quen analizou o proxecto no que están a traballar, referido a «Destinos turísticos intelixentes», unha iniciativa que ten como obxectivo aplicar os últimos avances tecnolóxicos na xestión, xeo-localización e posicionamento turístico na procura de novos mecanismos para impulsar a innovación nos destinos co desenvolvemento das TICs. A finalidade é crear servizos diferenciais e altamente competitivos con base na tecnoloxía aplicada ao turismo.
Na reunión, Manuel Baltar propúxolles aos expertos ampliar o estudo que están a realizar para que contemple non só localidades concretas senón que abranga todo o territorio provincial e incorpore o concepto de «provincia intelixente» que está a promover Manuel Baltar, referido á provincia de Ourense, «co obxectivo de que este proxecto teña unha base territorial máis ampla, contemplando á provincia como un todo á hora de levar a cabo iniciativas turísticas innovadoras e de vangarda», afirma Manuel Baltar.
O expertos turísticos amosáronlle ao presidente do goberno provincial o seu interese por abrir esta nova canle de estudo que propón Manuel Baltar, que inclúe ese concepto integral de provincia, e que se concretaría na realización dun estudo turístico específico para a provincia de Ourense, que levaría a cabo un equipo multidisciplinar de expertos en turismo, co apoio da Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, «para que Ourense sexa a primeira provincia que teña a catalogación de Destino Turístico Intelixente», explica Manuel Baltar e engade que este distintivo permitiría «aplicar as innovacións tecnolóxicas que nestes momentos realizamos co programa de Termalismo Saúdable a outros ámbitos do turismo como son a natureza, a arquitectura, o patrimonio histórico-artístico, a etnografía, a cultura, os deportes de inverno e o termalismo deportivo, todo elo contemplado como un único destino que teña a súa base nunha nova forma de facer e de xestionar o turismo por medio das vantaxes que permite a tecnoloxía».
Na reunión participaron xunto a Manuel Baltar, os expertos e investigadores Antonio Guevara Plaza. presidente da Rede Intur, decano da Facultade de Turismo de Málaga e responsable deste proxecto na Costa del Sol; Eduardo Parra, presidente da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo e responsable do proxecto en Canarias; Fernando Vera, coordinador do Doutoramento Interuniversitario en Turismo e responsable do proxecto en Alicante, e José Antonio Fraiz Brea, coordinador do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e Saúde.
Neste traballo referido aos Destinos Turísticos Intelixentes, ao que se incorporará a provincia de Ourense, tamén participan os territorios de Asturias e Curitiba (Brasil).
O feito de que Ourense sexa o primeiro territorio provincial que se converta nun «Destino Turístico Intelixente» permitirá levar a cabo unha estratexia de revalorización da provincia e aumentar a súa competitividade, mediante un mellor aproveitamento dos seus atractivos naturais, deportivos e culturais, como tamén mellorar a eficiencia dos procesos de produción e distribución que facilitan o desenvolvemento sostible e a interacción dos visitantes.