Ourense oferta 900 prazas para participar nas actividades da campaña de verán da Xunta
Na provincia de Ourense este ano ofértanse un total de 900 prazas, 95 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 30 anos participen nas actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo da campaña de verán que organiza a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a pasada semana as ordes de convocatoria desta iniciativa. Nesta campaña recupérase a oferta concertada, cifrada en 100 prazas, no campamento de Entrimo.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, subliña a aposta da Xunta para mellorar e manter a oferta das actividades incluídas nesta campaña na que o Goberno galego inviste máis de 2,4 millóns de euros. Este orzamento non só beneficia aos usuarios das distintas actuacións, senón que tamén permitirá a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre.
Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.
Campamentos de verán
O obxectivo dos campamentos de verán é que a mocidade empregue o seu tempo libre en actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo,ao tempo que coñecen outros territorios e viven novas experiencias. Haberá distintas quendas, de entre 8 e 12 días, durante os meses de xullo e agosto.
Será precisamente neste tipo de actividades onde se incorporará a principal novidade deste ano. Por primeira vez, poranse en marcha os campamentos IMPLÍCA-T para mozos entre 14 e 17 anos. Neles, ademais das tradicionais actividades de ocio e tempo libre, os participantes contarán con outras accións como a conservación de espazos, a colaboración na sensibilización contra os incendios forestais ou a dinamización do camiño. Deste xeito, a través da educación non formal que proporcionan o voluntariado e a participación, adquirirán e desenvolverán valores como o compromiso, a responsabilidade, a iniciativa ou o traballo en equipo.
Este verán haberá 635 prazas en Ourense, fronte ás 640 ofertadas na pasada campaña. As instalacións nas que se desenvolverán os campamentos serán o campamento Penedos de Xacinto en Entrimo; o centro de educación ambiental Equal en Coles; o albergue Vilar de Ordelles en Esgos; a estación de montaña de Manzaneda; e a residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, na capital da provincia.
OURENSE |
|
INSTALACIÓN XUVENIL | PRAZAS OFERTADAS |
Penedos de Xacinto | 200 |
Centro educ. ambiental Equal | 45 |
Albergue xuvenil Vilar de Ordelles | 60 |
Estación de montaña de Manzaneda | 270 |
Res.Xuv. Florentino L.Cuevillas | 60 |
TOTAIS |
635 |
Todos os campamentos serán en réxime de manutención en pensión completa e contemplan o material necesario para cada actividade. O prazo de inscrición estará aberto ata o 8 de abril. Entre todas as solicitudes, realizarase un sorteo público ante notario.
A maiores, os mozos galegos poderán optar a participar en campamentos de intercambio noutras comunidades autónomas. Pola súa banda, participantes doutras comunidades autónomas poderán vir a Galicia.
O DOG tamén publicou onte a oferta concertada. A través desta fórmula, Xuventude pon as súas instalacións a disposición de concellos, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos e mozas e outros colectivos para que organicen as súas actividades. Na provincia ourensá recupérase esta modalidade e porase a disposición da mocidade un total de 100 prazas no campamento “Penedos de Xacinto”, na localidade de Entrimo.
Como todos os anos, tamén se colaborará coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos. Así mesmo, reservaranse unha serie de prazas para colectivos específicos, que serán xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade, a de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.
Cinco campos de traballo
A programación da campaña de verán inclúe tamén os campos de traballo para maiores de 18 anos, cuxa convocatoria estará dispoñible o próximo mes, cun total de 105 prazas en Ourense, as mesmas que se ofertaron o ano pasado. O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria.
Na provincia desenvolveranse 5 campos de traballo de diferentes temáticas: medioambiental en Riós e Muíños; mediambiental e social, na Peroxa; de bioconstrución e autoconstrución nas Corcerizas, en Vilar de Barrio; e audiovisual en Celanova.
Así mesmo, para os maiores de 18 anos e menores de 30, este ano volverase a organizar unha serie de actividades. En Ourense, con 60 prazas ofertadas, levarase a cabo a actividade “Cultura e Camiño” dentro do proxecto “Conecta con Galicia”, un programa rotatorio de convivencia entre participantes galegos e da Galicia exterior que permitirá coñecer o patrimonio histórico cultural da provincia.