Ourense, máis de 560 prazas para a atención de persoas con discapacidade, incluíndo os centros concertados de Vilamartín e O Barco de Valdeorras
- Na provincia de Ourense ofértanse máis de 560 prazas para a atención de persoas con discapacidade, das que 30 están vacantes
- A Consellería de Política Social ten concertadas estas prazas públicas en 12 centros especializados da provincia
Na provincia de Ourense as persoas con discapacidade maiores de 21 anos que rematan a súa etapa de escolarización nos centros de educación especial poden continuar a recibir a atención necesaria para mellorar a súa calidade de vida nos 12 centros especializados que a Consellería de Política Social ten concertados.
En total, este departamento autonómico ten concertadas un total de 566 prazas públicas de atención a diferentes colectivos con discapacidade, das que 338 son de atención residencial e 228 de atención diúrna. Os centros concertados emprázanse nas localidades de Amoeiro, Allariz, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ourense, Paderne de Allariz, A Peroxa, Pereiro de Aguiar, Verín, Vilamartín de Valdeorras e Xinzo de Limia.
Na actualidade, hai 30 prazas vacantes repartidas pola provincia, prazas ás que se pode acceder a través do Sistema de Dependencia, previo recoñecemento da condición de persoa dependente.
O resto das provincias galegas para atender a este colectivo contan con centros de titularidade pública que no seu día foron traspasados do Imserso. En Ourense, ao non existir esta posibilidade, o Goberno galego presta o servizo recorrendo ao concerto de prazas en centros especializados.