Ourense, estreo do ‘hit musical’ de ‘La Vuelta’
- Ourense e Marta Sánchez, protagonistas do spot oficial da «Vuelta a España» 2016
- O vídeo-clip amosa imaxes de distintas localización da xeografía ourensá e galega coa canción «El ganador», composta por Marta Sánchez especialmente para a ocasión
- Manuel Baltar destacou «a repercusión económica e a proxección mediática que suporá que esta proba ciclista percorra catro etapas na provincia de Ourense» e subliñou o feito de que a canción foi escrita e creada «pola raíña do pop español, Marta Sánchez»
- O spot emitirase por televisión a partir do vindeiro 2 de xullo, «para anunciar a proba e animar á xente a visitar Galicia», sinalou Javier Guillén, director xeral de «La Vuelta».
- Marta Sánchez agradeceu que contasen con ela para «poñer voz á sintonía da Vuelta» e convidou este verán a «bailar e pedalear a ritmo desta canción e dunha das probas ciclistas máis importantes do mundo»
A «Vuelta a España» 2016 estreou onte o seu spot oficial no Teatro Principal de Ourense coa canción composta e creada para esta ocasión, «El ganador», de Marta Sánchez, destacando no vídeo-clip as imaxes da provincia de Ourense e da xeografía galega como protagonistas. No acto de presentación participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o director xeral da «Vuelta», Javier Guillén; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a artista Marta Sánchez; e o secretario Xeral de Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, acompañados polo músico ourensán, Daniel Minimalia, e o gaiteiro, Anxo Lorenzo, quen tamén participaron na gravación do spot.
Manuel Baltar destacou a importancia deste evento deportivo para a provincia de Ourense como «unha das tres probas de ciclismo máis importantes de ámbito mundial, que nesta 71 edición terá a Ourense como protagonista».
O presidente da Deputación de Ourense, impulsor do feito histórico de que por primeira vez na súa historia, a «Vuelta» percorra catro etapas na provincia de Ourense, dixo que esta proba ciclista ademais de deporte «supón repercusión económica e proxección mediática, impulsada con este videoclip, cunha canción que foi escrita e creada, especialmente para esta ocasión, pola raíña do pop español, Marta Sánchez».
Ao respecto da canción, Baltar asegurou que «encaixa perfectamente coa filosofía de «La Vuelta» e agradeceu que Ourense «sexa o estreo deste hit musical».
Marta Sánchez dixo que crear esta canción «é unha grande oportunidade para promocionar con forza «Galicia no mundo», unha das terras máis belas», e lembrou a súa vinculación con Galicia, por ser gran parte da súa familia de aquí. Ademais asegurou que descubrira «paraxes espectaculares en Ourense», e que sempre estivo moi vencellada ao mundo do deporte. Así mesmo, felicitou a Minimalia e a Anxo Lorenzo «por poñer o seu toque maxistral» ao tema El ganador. A cantante dixo estar orgullosa por ser «a primeira vez que alguén compón e crea un tema especialmente para a ocasión».
Javier Guillén explicou que contar con Marta Sánchez na gravación do spot de «La Vuelta» débese a que «na busca da calidade para ser os mellores, topamos en Marta a excelencia», e engadiu que contar con ela «vainos permitir chegar a todo tipo de públicos. Sempre que canta fainos bailar e, a partir de agosto, faranos pedalear».
O spot que se anunciará en televisión a partir do 2 de xullo «anunciará que «La Vuelta» se retransmitirá en TVE desde o 20 de agosto, e ademais atraerá á xente para que vexa a proba a través da televisión e tamén se anime a visitar Galicia», sinalou o director da «Vuelta».
A directora de Turismo de Galicia asegurou que a emisión deste spot de xullo a setembro é «unha magnífica ferramenta para dar a coñecer a excelente gastronomía e o patrimonio cultural diseminado por toda a xeografía galega», e engadiu que esta proba «conxuga deporte con promoción turística, e este spot supón unha carta de presentación de Galicia como destino, a nivel internacional».