‘Ourense é arte’, os espazos máis emblemáticos da provincia no ‘Marcos Valcárcel’

  • Exposición sobre os espazos máis emblemáticos da provincia, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel»
Presentación da exposición Ourense é arte, de Paco Ascón

Presentación da exposición Ourense é arte, de Paco Ascón

 

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” estrea nova exposición, “Ourense é arte”, do pintor Paco Ascón, que será inaugurada mañá venres, 29 de abril, ás 20.15 horas. A presentación da mostra tivo lugar esta mañá onde estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; o director do Centro Cultural, Francisco González; e o artista.

Rosendo Fernández puxo en valor o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” como “canle de difusión cultural” no que a partir de hoxe está a exposta a obra de Paco Ascón que sendo “un pintor observador que o punto máis alto de Galicia, preto de Trevinca, pode observar todo a panorámica de Ourense e plasmalo na súa obra”.

Paco Ascón defínese a si mesmo como un pintor “observador, contemplo a natureza, así como as variacións, que con agarimo o home, a través dos séculos, realizou sobre ela e trato de representala tal e como a vexo, son en todas as facetas da miña vida utópico e idealista, tento conseguir esa asombrosa perfección, aínda intuíndo que nunca a acadarei, pero como son un pintor testudo, seguirei intentándoo mentres poida soster un pincel”.

O artista traballou ao longo de tres anos nesta mostra que está centrada nos lugares e espazos máis emblemáticos da provincia de Ourense, e que “non precisa explicación, todos os que se acheguen a visitala a entenderán”, sinalou Francisco González, que engadiu, “son cadros moi laboriosos con moito detalle”.

O deputado provincial de Cultura agradeceu ao artista que “enchera de vida o Centro Cultural, casa de todos os cidadáns, con esas realidades que ten a nosa provincia que é única no mundo”.

Paco Ascón dedícase a este oficio desde os 17 anos debido a que “esta fantástica terra me acolleu sen preguntas como a un máis dos seus fillos”, asegurou o artista no catálogo da mostra. Asemade conta que viviu nas catro provincias galegas, e todas elas “achegaron o toque de beleza, que a miña obra poida ter, pero especial sorpresa e engrandecemento persoal e artístico, achegáronme os case 20 anos que levo na provincia de Ourense, concretamente moi preto de Trevinca”. Aos seus 71 anos conseguiu expoñer as súas obras en gran cantidade de salas de exposicións. A Xunta de Galicia, Caixa Postal, Caixa Galicia, os concellos de Sarria, Betanzos e Oleiros, empresas como MZOV, Unión Fenosa,e outras pinacotecas públicas e privadas, contan con obras súas.

 

 

También te podría gustar...