Ourense converterase na capital do viño branco
- Ourense acollerá en novembro un certame nacional sobre os viños brancos galegos organizado pola Federación Española de Enólogos
- Este encontro servirá para poñer en valor estes viños que, segundo os propios enólogos, teñen acadado un prestixio e recoñecemento no plano internacional, xunto coas variedades de vide máis significativas da nosa terra
Ourense acollerá os vindeiros días 8, 9 e 10 de novembro un Certame Nacional centrado nos viños brancos galegos organizado pola Federación Española de Asociacións de Enólogos (Feae). Este encontro servirá para poñer en valor estes viños que, segundo os propios enólogos, teñen acadado un prestixio e recoñecemento no plano internacional, xunto coas variedades de vide máis significativas da nosa terra.
O presidente da Feae, Santiago Jordi, comunicou á directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a decisión de celebrar este evento na cidade das Burgas, nunha xuntanza de traballo na que tamén participaron o presidente e vicepresidente da asociación galega de Enólogos, Luis Buitron e David Pascual, respectivamente.
O Certame dos brancos galegos terá lugar de xeito paralelo ao “Concurso Internacional Itinerante Tempranillos ao Mundo” que organiza tamén esta federación nacional de enólogos. Este é o concurso de maior relevancia desta variedade tinta, a cuarta máis cultivada no planeta. Nel está previsto que participen unhas 500 mostras de viños procedentes de distintos puntos de España e do mundo, que serán valoradas por un xurado composto por prestixiosos catadores do sector.