“Ourense con Ecuador”: música máis solidaridade
- Música e solidariedade, na gala “Ourense con Ecuador”
- Manuel Baltar destacou que a solidariedade “forma parte do ADN da provincia de Ourense e da Deputación” por iso respondeu á chamada de Manuel Rodicio con esta iniciativa
A gala benéfica “Ourense con Ecuador” organizada pola Deputación de Ourense, o Bispado de Ourense e o xornal “La Región” e presentada por Xosé Manuel Piñeiro e Tamara Pérez, celebrouse onte a tarde no Teatro Principal da Deputación.
“Ante unha traxedia desas características e para poñer en marcha proxectos liderados por Rodicio, que está en contacto directo coa comunidade máis desfavorecida, a Deputación de Ourense, en colaboración co Bispado e co xornal “La Región”, asumiu o protagonismo compartido para poñer en marcha esta iniciativa solidaria”, dixo Manuel Balar, iniciativa que rexistrou unha venta total de todas as entradas.
“Ourense con Ecuador” é un exemplo de que “a solidariedade forma parte do ADN da provincia de Ourense e da Deputación porque falar de Ourense é falar dun pobo esencialmente emigrante que ve como un dos seus fillos, Manuel Rodicio, está a desempeñar un importante labor humanitario en Ecuador, e reclama esa solidariedade cun pobo que sufriu recentemente un terremoto”, dixo Baltar.
A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa “en resposta ao noso carácter, tendo en conta a nosa capacidade para responder a unha chamada, como a de Manuel Rodicio, que está a facer un gran traballo en Ecuador, ante a que esta provincia non podía estar de brazos cruzados”.
Na gala participaron artistas como: Emilio Rúa, María do Ceo, a Real Banda de Gaitas, a Coral de Ruada, Priscila, Lucía Pérez, Vizcaino, Pepe Capelán, Daniel Minimalia, Alejandro Abad e o coro Colexio Padre Feijoo-Zorelle, que participaron todos eles de modo altruísta para formar parte desta iniciativa solidaria enchendo de música, recoñecemento e solidariedade o Teatro Principal da Deputación de Ourense.