«Ourense Composta» conta con sete municipios valdeorreses
- A Deputación de Ourense comeza unha nova campaña de compostaxe doméstica en 50 concellos da provincia
- «Ourense Composta» ten como obxectivo a divulgación e sensibilización da poboación sobre a separación en orixe e reutilización da materia orgánica.
A Deputación de Ourense xunto con Sogama (Sociedade Galega de Medio Ambiente), ven de comezar a unha nova campaña de Compostaxe Doméstica nos cincuenta concellos da provincia de Ourense que teñen a súas competencias delegadas na Deputación: Amoeiro, Avión, Baltar, Bande, Beariz, Boborás, A Bola, Os Blancos, Calvos de Randín, O Carballiño, Carballeda de Valdeorras, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Coles, Entrimo, A Gudiña, O Irixo, Larouco, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Montederramo, Muíños, Padrenda, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Petín, Pobra de Trives, Porqueira, Punxín, Rairiz de Veiga, Ribadavia, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, A Teixeira, Toén, Trasmiras, A Veiga, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.
A presentación da campaña de compostaxe «Ourense Composta», tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, onde estivo presente o deputado provincial responsable da área de Cooperación, Pablo Pérez e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino. A campaña dará comezo o vindeiro día 16 de xaneiro no Carballiño, onde se instalará unha carpa informativa na Praza Maior da vila para que todos os interesados poidan saber en qué consistirá dita campaña e inscribirse para participar na mesma.
Pablo Pérez afirmou que o obxectivo desta campaña é «a divulgación e sensibilización da poboación sobre a separación en orixe e reutilización da materia orgánica, para acabar reducindo a bolsa negra que é un dos principais custes para os Concellos da recollida do lixo».
Esta iniciativa da continuidade as anteriores campañas que dende o ano 2010 ven promovendo a Deputación de Ourense, coa diferenza de que esta vez vai dirixida a todos os cidadáns dos 50 municipios que queiran participar, co único requisito de que non teñan formado parte das campañas anteriores e que residan nalgún dos municipios seleccionados.
Ademais do Carballiño, a carpa da Campaña tamén visitará A Peroxa, Castro Caldelas, Viana do Bolo, A Rúa, Xinzo de Limia, Ribadavia, Bande e San Cribrao das Viñas. Deste xeito, 396 familias da provincia de Ourense poderán beneficiarse das vantaxes que presenta a compostaxe doméstica.
Entre as accións que se levarán a cabo na campaña, baixo a dirección e supervisión da Deputación de Ourense, figuran iniciativas de divulgación mediante o emprego de nove carpas de compostaxe, nas que os veciños e veciñas dos 50 concellos interesados en participar poderán inscribirse para formar parte da campaña; a formación dos participantes, que será de obrigada asistencia para todos aqueles veciños e veciñas que desexen participar; a entrega dos composteiros a cada un dos participantes porta a porta; a realización de mesas redondas abertas á poboación, para a posta en común da campaña e doutras experiencias similares, e o seguimento sobre a realización do compost polos participantes, distribuído en dúas visitas.
Sogama colabora na campaña de Compostaxe coa Deputación de Ourense dende o ano 2013 co obxectivo de que cada vez «sexan máis os concellos que implanten a compostaxe doméstica nos seus termos municipais, con elo contribuirán a reducir a produción de residuos, a fomentar a recollida selectiva e, por suposto, a obter a partir da materia orgánica un abono de calidade e valor nutritivo cos usuarios poderán aplicar en lugar dos fertilizantes artificiais», destacou Javier Domínguez
Dende o ano 2010 a Deputación de Ourense leva realizando campañas de compostaxe nos 50 concellos aos que lles presta o servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos. O éxito acadado co programa de compostaxe doméstica permite estendelo a máis concellos para que poidan beneficiarse das vantaxes ambientais, económicas e sociais que trae consigo a compostaxe caseira, pois, a reciclaxe da materia orgánica en orixe, ademais de dar como resultado un abono natural de excelentes propiedades fertilizantes para o solo (xardíns, hortas e terras de cultivo), permite diminuír a frecuencia de recollida do contedor convencional, entregando menos toneladas de lixo a Sogama e, polo tanto, non incrementando o importe da factura a pagar a esta entidade pública. Tamén, dende a perspectiva social, evítanse os continuos desprazamentos que a poboación do rural debe realizar aos contedores, pechando así o ciclo de aproveitamento dos restos orgánicos nos propios fogares.
A Deputación de Ourense realiza esta campaña en colaboración con Sogama, participada pola Xunta de Galicia, xa que ambas administracións traballan dende fai anos na liña do cumprimento dun dos obxectivos que determina o Plan Xeral de Residuos Municipais de Galicia: a divulgación e sensibilización da poboación en materia de residuos e separación en orixe.