Ourense: centro de referencia na formación de actores e actrices

  • A Deputación promove en Ourense un centro de referencia para Galicia e o norte de Portugal na formación de actores e actrices
  • A preparación de intérpretes, sinalou o presidente provincial Manuel Baltar, “é un paso máis na estratexia que vimos desenvolvendo para situar a Ourense como a capital do audiovisual galego, pero tamén como un dos lugares de referencia no sector nacional”, a través do Festival Internacional de Cine e promocionando a provincia como un gran plató de cine
  • En colaboración con Laconda Producciones e a Confederación Empresarial de Ourense, os talleres intensivos e de calidade, que terán carácter bimensual, están dirixidos a actores e actrices en formación ou profesionais que desexen adestrase nunha das técnicas más prezadas por recoñecidos artistas

 

A Deputación de Ourense, en colaboración con Laconda Producciones e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), promove un centro de formación para actores e actrices que se converterá

nun punto de referencia en toda Galicia e no norte de Portugal para a preparación de intérpretes, mesmo tamén en Madrid cando a partir de decembro Ourense estea a pouco máis de dúas horas da capital de España coa chegada do AVE.

 

Así o destacou o presidente provincial, Manuel Baltar, logo de pechar o acordo de cooperación coa actriz e produtora audiovisual ourensá Raquel Menor, que xunto coa presidenta da CEO, Marisol Novóa, visitaron as aulas que cederá a entidade empresarial para o futuro espazo formativo.

A formación actoral, sinalou Manuel Baltar, “é un paso máis na estratexia que vimos desenvolvendo para situar a Ourense como a capital do audiovisual galego, pero tamén como un dos lugares de referencia no sector nacional”. O Festival Internacional de Cine, que celebrou en setembro a súa 26 edición, “xa é unha cita plenamente consolidada no calendario de eventos cinematográficos dentro e fóra de España –engadiu Baltar-, como tamén a provincia está a ser elixida como escenario de moitas producións grazas ao esforzo que desde o goberno provincial estamos a facer para transformar o territorio nun gran plató de cine”, lembrando que das case 30 producións realizadas na historia do cinema da provincia, a terceira parte delas foron rodadas nos últimos anos.

“A iniciativa que imos poñer en marcha vai ofrecer talleres de formación intensivos e de calidade para todas aquelas persoas que teñan no mundo da interpretación a súa vocación”, afirmou pola súa banda Raquel Menor en representación de Laconda Producciones, apuntando que os talleres, que serán de carácter bimensual, “están dirixidos a actores e actrices en formación ou profesionais que desexen adestrase no ámbito artístico a través da técnica de Susan Batson,  que sitúa o arduo traballo da interpretación no contexto do teatro e da industria cinematográfica”.

O primeiro taller impartirase os días 26, 27 e 28 de novembro nas aulas que a CEO posúe na rúa Alejandro Outeiriño da capital. Centrado na “Creación tridimensional da personaxe”, o curso será impartido por Rocío Gómez, que tras diplomarse en interpretación en Nova York e traballar en varias producións coñeceu e estudou con Susan Batson, converténdose na súa colaboradora en todos os cursos desenvolvidos en España, ademais de ser desde hai anos “coach” de coñecidas actrices e actores como Nicole Kidman, Juliette Binoche, Adrien Brody, Denzel Washington, Bradley Cooper ou Lady Gaga, entre outros.

Todas as persoas interesadas en participar nos talleres poderán formalizar no enderezo electrónico laconda@raquelmenor.com a súa inscrición.

También te podría gustar...