Ourense a través de murais educativos

 

  • A «Semana Escolar da Provincia» conta a historia, a etnografía e o medio ambiente de Ourense a través de murais educativos
  • Manuel Baltar visitou o colexio Padre Feijoo-Zorelle, un centro de referencia no ámbito de «Ciencia Activa», no que os alumnos poñen en valor estes días as singularidades da provincia de Ourense
  • Entrevistas, traballos manuais, música, programas de radio e blogs en Internet conforman as actividades que os escolares do centro levan a cabo estes días para conmemorar a «Semana Escolar da Provincia»

 

Manuel Baltar, na súa visita ao colexio Padre Feijoo Zorelle

Manuel Baltar, na súa visita ao colexio Padre Feijoo Zorelle

 

A provincia de Ourense a través de murais educativos. Este é o proxecto que propuxo este ano o colexio Padre Feijoo-Zorelle dentro das actividades da «Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación», un evento que anualmente organiza a institución provincial e no que participan máis de 8.400 escolares e que ten como obxectivo achegar un mellor coñecemento da nosa provincia á comunidade educativa. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou onte este colexio da capital ourensá, centro de referencia nacional no ámbito das actividades do programa «Ciencia Activa», para compartir e analizar sobre as experiencias docentes que desenvolve o colexio para a posta en valor das singularidades e potencialidades da provincia de Ourense.

En concreto, o colexio Padre Feijoo-Zorelle desenvolveu ao longo desta semana actividades como entrevistas, traballos manuais, música, programas de radio e blogs en Internet, diferentes formatos de comunicación para explicar a historia, a etnografía, a cultura e o medio ambiente da provincia de Ourense, que os alumnos levaron a cabo coa coordinación dos profesores.

Na súa visita, Manuel Baltar estivo acompañado polo director do centro, Honorato Losada Zorelle, percorrendo as aulas onde desenvolven as actividades e o salón de actos do centro onde o presidente do goberno provincial agradeceu «a implicación da dirección, do equipo docente e dos alumnos nunha tarefa que é de todos os que cremos na nosa terra, a nosa provincia de Ourense, que cada poñemos en valor». Manuel Baltar remarcou: «Aquí hai talento e cariño polo noso territorio, e iso fai que nos sintamos orgullosos de destacar o importante peso histórico e cultural que ten a nosa provincia, un sentimento que temos aquí e en calquera lugar do mundo, onde foron nosos emigrantes levando o nome de Ourense».

As actividades da «Semana Escolar da Provincia» rematarán o sábado, 26 de novembro, coa tradicional xornada de portas abertas no Pazo Provincial. Previamente, o vindeiro venres terá lugar a inauguración da exposición pictórica Voces da Ourensanía, do pintor Suso Cubeiro.

Xunto aos máis de 8.400 alumnos de 47 centros da provincia de Ourense, un total de 500 docentes participan nesta Semana Escolar, realizando as actividades propostas no programa, para o cal contan cunha guía na que se establecen as pautas para utilizar o libro-manual que recibiron todos os alumnos e profesores.

También te podría gustar...