Os viños de Adega A Coroa de A Rúa incorporanse ao selo de Galicia Calidade

Galicia Calidade e autoridades na Adega A Coroa  

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixo hoxe entrega do certificado de uso da marca de garantía á adega ourensá A Coroa. Con este recoñecemento, os caldos certificados poderán incluír na súa etiquetaxe o distintivo de calidade da Xunta de Galicia.

Coa incorporación desta nova empresa Galicia Calidade conta na actualidade con once adegas certificadas: Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Bodegas Nairoa, Bodegas Pazo Villarei, Bodegas Ruchel, Castro Baroña, Gargalo, Quinta do Buble, Regina Viaurm e Vilarvín, ás que se suma agora A Coroa.

Os asistentes realizaron unha visita ás instalacións da adega acompañados do propietario da mesma, Roberto Fernández. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos viños desta empresa incluír o distintivo nas etiquetaxes así como noutras accións de promoción que estimen oportuno.

A adega A Coroa contará a partir de hoxe cos seguintes viños amparados pola marca de garantía Galicia Calidade: A Coroa, A Coroa Lías, A Coroa Ladeira Vella e 200 Cestos. Uns caldos de alta calidade e con importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional.

 

Galicia Calidade en a Adega A Coroa  

Aposta pola calidade

A Coroa, aínda sendo unha adega familiar, conta cun equipo de vinificación actual e moderno. A elaboración céntrase nun trato minucioso e racional da uva utilizando a mellor tecnoloxía e respectando a heteroxeneidade dos terreos. O seu enólogo, Angel Sánchez Custa, formado na Escola de Viticultura e enoloxía de Requena (Valencia), desenvolveu a súa profesión durante máis de 17 anos na Comarca de Valdeorras, e é un dos pioneiros na elaboración da uva Godello e Mencía como monovarietais, así como un gran coñecedor do potencial vitivinícola desta zona.

Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía e Industria, conta na actualidade cos 300 produtos e servizos de 50 empresas galegas, cunha importante presenza do sector alimentario, e de xeito específico do vinícola.

También te podría gustar...