Os primeiros centros de saúde docentes e a declaración do CHUO como hospital universitario, fitos máis salientables da sanidade ourensá nos últimos 25 anos

  • Vázquez Almuiña destaca os primeiros centros de saúde docentes e a declaración do CHUO como hospital universitario como fitos máis salientables da sanidade ourensá nos últimos 25 anos
  • O conselleiro inaugurou a exposición conmemorativa do 25 aniversario do Sergas

 

SERGASO conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou onte varios fitos fundamentais neste eido que aconteceron en Ourense dende o traspaso á Comunidade Autónoma das funcións e servizos do Instituto Nacional da Saúde, como a creación dos primeiros centros de saúde docentes en 1991 ou a inauguración del edificio de Hospitalización psiquiátrica e Hospital de Día para enfermos agudos en 1996.

Tamén salientou a declaración do Complexo como hospital universitario en 2011, ano no que tamén se puxo en marcha a xestión integrada na provincia, ou máis recentemente, o novo edificio de hospitalización, que pronto entrará en funcionamento.

Vázquez Almuiña inaugurou a exposición conmemorativa do 25 aniversario do Servizo Galego de Saúde, na que se pode ver como teñen cambiado as infraestruturas, os servizos, as persoas e o sistema nestas décadas; pero engadiu que, se ben achegan un punto de nostalxia, o obxectivo do Sergas é mirar cara o futuro e seguir mellorando. Hoxe, indicou, Ourense conta cun Complexo Hospitalario Universitario, 2 hospitais comarcais, 14 Puntos de Atención Continuada e 106 Centros de Saúde.

Na súa intervención, agradeceu o compromiso e o traballo dos profesionais sanitarios, e destacou as grandes diferencias entre o sistema sanitario público actual e o de hai 25 anos. Así, incrementouse a rede hospitalaria pública ata 14 complexos hospitalarios; abordouse unha profunda reforma da Atención Primaria aumentándose de forma espectacular o número de centros de saúde e consultorios; puxéronse en marcha o 061 e os PACs; e creouse o Centro de Transfusións de Galicia. Ademais, o cadro de persoal supera a día de hoxe os 36.000 traballadores, cando en 1990 era de 19.000.

“A partir do momento da posta en funcionamento do Sergas, o progreso foi continuo ata lograr unha organización sanitaria á altura das mellores do mundo en cantidade, pero sobre todo en calidade, da que todos os galegos nos sentimos realmente orgullosos concluíu-. Temos unha sanidade que investiga, que se preocupa pola formación e a docencia, que prevén enfermidades, promove a saúde e ofrece unha atención primaria de calidade. Unha sanidade que traballa en solucións eficientes para garantir os seus servizos a todas as persoas, con independencia dos seus recursos económicos”.

También te podría gustar...