Os paseos en barca polo Cabe superan as mil viaxes

  • A cifra máis alta dos últimos anos
  • Neste verán contabilizouse un total de 1.043 percorridos polo río, sendo agosto o mes máis destacado, con 676 viaxes
  • O Alcalde valora de xeito moi positivo o éxito acadado por esta actividade en 2021, xa que neste 2021 foron 304 paseos máis que en 2020 (un incremento do 41%), 245 máis que en 2019 (un 30,7%) e 266 máis que en 2018 (un 34% de incremento)
  • “As cifras correspondentes ós paseos en barca confirman que este verán houbo moita xente en Monforte, datos que van en consonancia co incremento no número de visitas atendidas na Oficina Municipal de Turismo (11.520 persoas nos meses de xullo e agosto, cun incremento do 170% dende 2019), ou no Centro de Atención ó Peregrino (383 visitas en 13 días dende a súa apertura), dos que informamos as pasadas semanas. É unha proba máis de que Monforte e a Ribeira Sacra están de moda”, destacou o Alcalde, José Tomé Roca
  • Os bos datos acadados nestes últimos meses son froito da constante promoción turística que o Equipo de Goberno está a levar a cabo nos últimos anos, ó que hai que engadir a organización dende o Concello de actividades culturais así como eventos deportivos de índole internacional, que tamén contribúen á consecución destas boas cifras de participación

 

Os paseos en barca polo río Cabe seguen sendo un dos principais atractivos turísticos do verán na cidade de Monforte, e boa mostra de elo é o incremento acadado neste ano 2021, con respecto a anos anteriores.

Deste xeito dende o inicio do mes de xullo e ata o pasado 30 de setembro, o Club de piragüismo Quixós, que se encarga da xestión desta actividade organizada polo Concello de Monforte, contabilizou un total de 1.043 viaxes. O punto de inicio destes percorridos era o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo tivo un custe de 3’25 euros por barca, como en anos anteriores.

Os datos reflicten que o mes de agosto é o que acapara o maior número de percorridos polo río. De feito, máis da metade das viaxes do verán realizáronse durante este mes, en concreto, neses días de vacacións por excelencia, houbo 676 paseos. No mes de xullo foron 242 viaxes, e no de setembro, 125.

“As cifras correspondentes ós paseos en barca confirman que este verán houbo moita xente en Monforte, datos que van en consonancia co incremento no número de visitas atendidas na Oficina Municipal de Turismo (11.520 persoas nos meses de xullo e agosto, cun incremento do 170% dende 2019), ou no Centro de Atención ó Peregrino (383 visitas en 13 días dende a súa apertura), dos que informamos as pasadas semanas. É unha proba máis de que Monforte e a Ribeira Sacra están de moda.”, destacou o Alcalde, José Tomé Roca.

 

Exitoso balance con respecto ós últimos anos

A valoración que se fai dende o Concello de Monforte das cifras acadadas neste 2021, con respecto a anos anteriores é moi positiva.

En concreto, se comparamos as cifras con respecto ó ano 2020, no que o total de paseos foi de 739, en 2021 foron 304 paseos máis que naquel ano, un incremento do 41%.

Polo que respecta ó ano 2019, no que se alcanzaron as 798 viaxes, o incremento en 2021 foi do 30,7%,  245 máis.

Finalmente en 2018, rexistráronse 777 paseos, polo que en 2021 o incremento foi do 34%, con 266 viaxes máis.

O Alcalde salienta que “os paseos en barca polo río Cabe consolídanse coma unha actividade imprescindible dentro do calendario de verán do Concello de Monforte, porque é unha experiencia lúdica, saudable e porque permite ter unhas vistas privilexiadas do tramo fluvial no seu percorrido urbano”.

Constante promoción turística e organización de todo tipo de eventos

Os bos datos acadados nestes últimos meses son froito da constante promoción turística que o Equipo de Goberno do Concello de Monforte está a levar a cabo nos últimos anos. Ademais, a pesares da incidencia da crise sanitaria da Covid-19 en todos os eidos da sociedade, estas últimas cifras en canto a número de visitantes indican unha paulatina recuperación do sector.

Do mesmo xeito, a organización de actividades culturais, como o novo ciclo de teatro, as relacionadas coa zona de ámbito xudeu ou unha ampla variedade de concertos, así como eventos deportivos de índole internacional, onde Monforte foi protagonista como final de etapa de La Vuelta Ciclista a España ou saída da Gallaecia-AR World Championship 2021 dentro do Campionato do Mundo de Carreiras de Aventura, contribúen á consecución destas boas cifras de participación.

También te podría gustar...