Os participantes na iniciativa da Xunta Máis que comercio! elixen Moda Garoba como o establecemento favorito no CCA Do Barco
- Este negocio, creado por dúas amigas hai 15 anos, foi o que máis clicks recibiu no xogo en liña www.maisquecomercio.com, no que os clientes podían optar a diferentes premios votando ao seu comercio preferido
- A iniciativa da Consellería de Economía e Industria desenvolveuse durante o mes de outubro nos negocios asociados ao centro comercial aberto co obxectivo de impulsar as vendas e reforzar o comercio de proximidade
Os participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de outubro nos negocios asociados ao centro comercial aberto do Barco de Valdeorras elixiron como o seu establecemento favorito a tenda de roupa Garoba.
Este negocio, rexentado por dúas amigas desde hai 15 anos, foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi o encargado xunto cun membro da xunta directiva deste CCA, de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron agasallos aos clientes gañadores.
Martínez salientou que Máis que Comercio! se centra en destacar o traballo dos centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias para a posta en valor da ampla oferta comercial coa que contan as vilas e cidades galegas, en cuxas rúas comparten espazo coas tendas a hostelería e todo tipo de servizos. Do mesmo xeito, resáltanse os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade.
Esta iniciativa, que no CCA do Barco rexistrou máis de 5.700 participacións de usuarios dos comercios que se sumaron á campaña, está a percorrer Galicia durante todo o ano.
Rogelio Martínez lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA do Barco resultou beneficiado con apoios por 22.000 euros.