“Os nosos castelos da Ribeira Sacra: Castro Caldelas e Monforte de Lemos”

  • O Alcalde ensalza o valor de Monforte e da súa Torre da Homenaxe na inauguración da exposición
  • José Tomé Roca foi o encargado de inaugurar onte a mostra no Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”, en Santiago, na que o conxunto monumental de San Vicente de Monforte é protagonista xunto ó castelo de Castro Caldelas
  • O rexedor monfortino subliñou o valor patrimonial e histórico da Torre da Homenaxe, “sinal de identidade e tarxeta de presentación do noso municipio”, así como o seu valor simbólico, “en orixe un miradoiro para exhibir poder ou controlar ameazas, que é hoxe un faro en terra que lanza unha chamada invitando á visita e ó turismo vinculado á cultura”
  • O Alcalde tamén manifestou o apoio do Concello a “exposicións e actividades como esta, que poñen en valor o noso patrimonio, que fomentan a súa conservación, e que axudan a convertelo nun factor de desenvolvemento ó ligalo a un tipo de turismo de calidade, sostible e desestacionalizado, que é o que dende o Concello estamos promovendo”

 

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou onte mércores en Santiago de Compostela na inauguración da exposición “Os nosos castelos da Ribeira Sacra: Castro Caldelas e Monforte de Lemos”, na que o conxunto monumental de San Vicente e o castelo de Castro Caldelas son os protagonista da mesma.

A mostra, organizada polo Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento” (IEGPS), ten por obxectivo divulgar o patrimonio histórico dos castelos de Monforte de Lemos e Castro Caldelas, así como dos seus señores para, desta maneira, complementar o coñecemento sobre o patrimonio da Ribeira Sacra.

O rexedor monfortino estivo acompañado polo Director do IEGPS, Eduardo Pardo de Guevara, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o Delegado do CSIC en Galicia, Javier Rey.

 

Valor simbólico, turístico e patrimonial da Torre da Homenaxe

Na súa intervención, o Alcalde de Monforte destacou o valor da exposición na que “os castelos aquí representados son un exemplo senlleiro do noso patrimonio histórico”. E en concreto, incidiu na “marcada identidade propia que posúe o noso Concello, no que o conxunto monumental de San Vicente do Pino, coa Torre da Homenaxe que coroa a súa cima, recorta sobre a paisaxe unha silueta que se ten convertido nunha sinal de identidade, nunha tarxeta de presentación do noso municipio”.

Neste senso, salientou o valor simbólico, turístico e patrimonial da Torre da Homenaxe, “en orixe un miradoiro para exhibir poder ou controlar ameazas, que é hoxe un faro en terra que lanza unha chamada invitando á visita e ó turismo vinculado á cultura”.

Neste acto, que supón unha importante acción de carácter promocional e cultural, José Tomé aproveitou para destacar as potencialidades de Monforte, recordando a declaración como Ben de Interese Cultural en 1973 do seu casco histórico, e salientando o encanto e historia “presentes na súa muralla medieval, nos seus pazos, nos seus conventos, nos seus museos, nas súas pontes, nas súas prazas e no nome das súas rúas, onde cristiáns e xudeus conviviron durante anos, deixando a súa pegada en rúas e edificios”.

A posta en valor e o protagonismo que adquiren nesta exposición os castelos de Monforte e Castro Caldelas foi algo que agradeceu o rexedor monfortino ós organizadores da mesma, xa que permitirá tanto ós cidadáns de Santiago como a todos aqueles que a visiten coñecer dous dos conxuntos medievais máis emblemáticos da Ribeira Sacra.

Neste senso, o Alcalde manifestou o apoio do Concello á “exposicións e actividades como esta, que poñen en valor o noso patrimonio, que fomentan a súa conservación, e que axudan a convertelo nun factor de desenvolvemento ó ligalo a un tipo de turismo de calidade, un turismo sostible e un turismo desestacionalizado, que é o que dende o Concello estamos promovendo”.

Cabe recordar que o rexedor monfortino participou activamente nos actos promocionais celebrados na recente Feira Internacional de Turismo, FITUR, na que quedou de manifesto que Monforte de Lemos é a Capital da Ribeira Sacra, un dos destinos turísticos galegos con maior proxección nacional e internacional.

O Alcalde, concluíu a súa intervención desexando que “esta exposición sirva para achegar a riqueza do noso pasado medieval, que permita coñecer mellor un dos nosos monumentos máis emblemáticos”, e animou a os cidadáns de Santiago e ás persoas que visitan a cidade a coñecela.

Exposición previa en Monforte

Previamente a esta exposición conxunta dos castelos de Monforte e Castro Caldelas, ambos municipios acolleron unha exposición centrada en cadanseu castelo, organizadas tamén polo Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”.

Concretamente, en Monforte foi acollida pola Casa da Cultura do 26 de novembro ó 10 de decembro de 2021, e nela incluíuse unha iniciativa que foi a de invitar ós alumnos e alumnas de Primaria e da ESO a debuxar os castelos e a aportar a súa visión dos mesmos. O Alcalde salientou “o acerto que supón ligar o noso pasado cos rapaces e rapazas, que son o noso futuro, incentivando neles, dun xeito ameno, o coñecemento do seu, da súa historia e do seu patrimonio”.

También te podría gustar...