Os emprendedores de Ourense informados sobre as vantaxes da nova Lei de Sociedades Laborais
- A Xunta informa aos emprendedores de Ourense sobre as vantaxes da nova Lei de Sociedades Laborais para xerar emprego
- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou onte nunha xornada organizada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria xunto coa Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal)
- Toca salientou que a nova Lei, de ámbito estatal, favorece a posta en marcha destas empresas flexibilizando a participación nelas das persoas traballadoras e axilizando os trámites de compra e venda das accións
- Sinalou que a Xunta está a prestar unha atención especial ao emprendemento rural e xuvenil e que a Axenda 20 para o Emprego destina 5,4 millóns de euros para fomentar a Economía Social
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou onte en Ourense nunha xornada informativa sobre a Lei de Sociedades Laborais e Participadas organizada pola de Consellería de Economía, Emprego e Industria xunto coa Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal). Esta iniciativa pretende dar a coñecer aos emprendedores as vantaxes desta normativa para potenciar a Economía Social, un sector que en Galicia aglutina a 7.000 entidades e 300.000 persoas.
A Lei presenta novidades e melloras para facilitar a creación de postos de traballo a través do autoemprego colectivo. Esta figura empresarial aposta polo emprego estable e de calidade, impulsa a Responsabilidade Social Empresarial e permite unha maior vinculación ao territorio, prioridades tamén da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta en materia laboral. A nova normativa, de ámbito estatal, axiliza os trámites de compra e venda das accións ou participacións e establece tamén a figura da sociedade participada dentro da lexislación española.
Toca resaltou que a Xunta está a fomentar políticas que dean pulo ao empredemento e ao traballo autónomo, ás cooperativas e ás sociedades laborais. Esta última é unha figura que representa unha forma de facer empresa na que as persoas traballadoras son as protagonistas.
A secretaria xeral de Emprego salientou que unha das principais prioridades do Goberno galego é favorecer o emprendemento para que “todo proxecto que sexa viable consiga o apoio necesario para converterse nunha realidade”. Neste senso, indicou que a Xunta está a apoiar os proxectos de emprendemento no rural e xuvenil, así como os de ámbito industrial e innovador destacando as aceleradoras de empresas postas en marcha pola Administración autonómica en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía e as TIC.
Con respecto á Economía Social, apuntou que a Axenda 20 para o Emprego inclúe, entre outras medidas, 5,4 millóns de euros para fomentar este sector con diferentes liñas de axudas para promover a contratación, con apoios específicos para os menores de 30 anos e para programas de integración e intercooperación que aposten polo I+D, a comercialización e a internacionalización. “Buscamos apoiar ás cooperativas e sociedades laborais para que poidan gañar tamaño, innovar e abrise a novos mercados”, subliñou.
Toca, ademais, sinalou que o Goberno galego está a ultimar a Estratexia para o Impulso do Cooperativismo Galego 2016-2020 co obxectivo de potenciar a competitividade do sector, fomentar a cultura cooperativa, o emprendemento, o autoemprego, a mellora da xestión e o financiamento.
As xornadas informativas
A Secretaría Xeral de Emprego organiza estas charlas para difundir os obxectivos principais desta normativa que fomenta a participación dos traballadores e traballadoras nas empresas facilitando o seu acceso á condición de socio e incorpora novas medidas para asegurar o control da sociedade por parte dos traballadores, entre outras novidades. O que se pretende é dar a coñecer, principalmente ás persoas interesadas en emprender e ao persoal técnico de asesoramento a emprendedores, o coñecemento desta forma xurídica.