Os concellos ourensáns terán un 35% máis para a promoción da igualdade
A Xunta informa aos concellos ourensáns das axudas para a promoción da igualdade cifradas este ano en 4,6 millóns de euros, un 35 por cento máis que en 2014.
- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, mantiveron unha xuntanza cos/coas alcaldes/alcaldesas e persoal técnico para explicarlles esta liña de subvencións
- A nova convocatoria engloba os programas de fomento da conciliación familiar, prevención e tratamento da violencia de xénero e apoio aos CIM
- A convocatoria prioriza as solicitudes presentadas conxuntamente e contempla a concesión de anticipos de ata o 75% da subvención concedida
- O pasado ano un total de 42 concellos da provincia beneficiáronse destas axudas por un importe de 580.000 euros
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantiveron esta mañá unha xuntanza coas persoas responsables e persoal técnico dos 92 concellos da provincia ourensá para informarlles da nova convocatoria de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade. O Goberno galego destinará a este programa un importe de 4,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 35 % respecto ao ano 2014.
Coa resolución desta axuda, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende por en valor o papel relevante das entidades locais na difusión do valor da igualdade, “por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas” afirmou López Abella. Neste senso, engadiu que “consideramos que as entidades locais son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a prevención e a erradicación da violencia de xénero, así como para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social”.
En concreto, en 2014 na provincia de Ourense foron 42 concellos beneficiados por estas axudas por un importe de máis de 580.000 euros. Das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos centros de información ás mulleres (CIMs) foi a de maior dotación, cunha contía que ascendeu a 440.761euros que se distribuíu nos 13 centros da provincia.
Xestión compartida
Ao igual que en anos anteriores, e coa finalidade de lograr unha xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, impulsaranse os proxectos de xestión compartida, polo que as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dun concello recibirán ata 40 puntos por este feito. Os concellos que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración relativo a esta agrupación ou asociación. Na pasada convocatoria, rexistráronse nove proxectos de xestión compartida na provincia de Ourense que agruparon a un total de 24 concellos. O incremento das solicitudes conxuntas contabilizouse sobre todo no programa de apoio aos CIM.
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación remata o vindeiro 9 de novembro.
Accións subvencionables
A resolución que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) engloba os tres mesmos programas de colaboración coas entidades locais que os contemplados na anterior:
-Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
-Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
-Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).
O Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75 por cento das subvencións concedidas nalgún destes tres programas, que estarán cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo.
A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación,que engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras; entre esas medidas están os bancos de tempo e outras. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual e ata 22.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.
A segunda liña de axudas é o programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, que inclúe as accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 € no caso dunha solicitude individual e ata 20.000 € se é unha solicitude conxunta de varios concellos.
E finalmente, está o programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM), que ten coma obxectivo reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 €, e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.