«Os Bolechas» comezan a súa xira pola provincia de Ourense
Os Bolechas inician este sábado, 11 de abril, a súa xira pola provincia de Ourense. A popular familia percorrerá nove vilas ourensás coa súa Caravana, na que non faltarán o vistoso R4 e o espectacular autobús de dous pisos cheo de xogos e actividades para toda a familia: talleres de debuxo e chapas, karaoke, ludoteca, aula de informática, xogos interactivos karaoke, animación e ata cine.
Esta iniciativa de dinamización infantil, promovida pola Deputación de Ourense, pretende dar a coñecer entre os máis novos a riqueza natural, patrimonial e cultural que ofrece a súa provincia. Por iso, todas as nenas e nenos que se acheguen á Caravana Bolechas levarán de forma totalmente gratuíta o libro Os Bolechas van a Ourense.
Ademais, poderán participar nos sorteos que terán lugar diariamente ao rematar a xornada en cada localidade e levar fantásticos agasallos dos Bolechas, desde libros-CD ata cursos de inglés dos Bolechas One2Three. E, por suposto, non faltarán os Bolechas corpóreos, que visitarán todas as vilas de 17:00 a 20:00 horas, malia que a Caravana Bolechas chegará ás vilas ás 12:30 h e estará aberta ata as 20:30 h –cunha parada entre as 14:30 e 16:30 h–.
Calendario da xira
A xira empeza este sábado, 11 de abril, no Barco de Valdeorras; a Caravana estará instalada na praza do Concello. O domingo 12 abrirá as súas portas na praza de Abastos da Pobra de Trives, o luns 13 na praza García Barbón de Verín, o martes 14 na praza Carlos Casares de Xinzo de Limia e o mércores 15 na praza da Constitución de Bande. O xoves 16 a Caravana Bolechas recalará en Celanova, o venres 17 na praza Maior de Ourense, o sábado 18 no Carballiño –tamén na praza Maior–, e o domingo 19 de abril remata a xira nos Jardinillos de Ribadavia.
En todas as comarcas, as nenas e nenos que se acheguen á caravana Bolechas levarán gratis o conto Os Bolechas van a Ourense e poderán gozar de multitude de propostas totalmente gratuítas, desde obradoiros de debuxo ata ludoteca con xogos para divertirse e aprender cos Bolechas, así como material para manualidades, libros e ordenadores onde acceder a xogos e actividades. Tamén estará dispoñible o karaoke e a sala de cine do autobús, dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas.
Todas as datas, actividades e sorteos poden consultarse nunha páxina web específica desta xira: www.osbolechas.com/vanaourense, así como na web dos Bolechas e nos perfís que teñen nas redes sociais (Facebook e Twitter).
O conto «Os Bolechas van a Ourense» narra as aventuras dos irmáns no aniversario da súa curmá, Ying, que celebran en Manzaneda. Cando están todos na mesa para soprar as candeas, Ying recorda que ten moitas amigas e amigos ourensáns e quere que estean na súa festa, así que marcha a buscalos nun microbús co que percorre toda a provincia recollendo os amigos, que a agasallan con produtos típicos das súas zonas. A festa de aniversario de Ying vai ser suculenta.
Os seis irmáns, xunto con Chispa no seu novo camión de bombeiros, percorrerán toda a provincia ourensá contándolles aos máis cativos o moito que gozan das marabillas que esta ofrece esta fermosísima terra.