Os alumnos da Escola Infantil “VIRXE DE COVADONGA” reciben ilusionados a Papa Noel
O delegado territorial de Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, acudiu esta mañá á escola infantil “Virxe de Covadonga” para acompañar aos seus alumnos e alumnas nun dos actos máis entrañables programados por esta gardería neste Nadal: a visita de Papá Noel.
A xornada festiva comezou coa actuación dos alumnos da gardería que cantaron e bailaron dúas panxoliñas. De seguido, Rogelio Martínez puido comprobar a ledicia e a ilusión dos pequenos que gozaron ao recibir a visita de Papá Noel, quen lles agasallou cuns regalos amais de escoitar as súas peticións.
Os representantes do executivo autonómico na provincia xunto coa directora do centro, Mª Carmen Suárez, percorreron as instalacións desta escola infantil na que están matriculados 66 nenos e nenas con idades entre os 3 meses e os 3 anos e que son atendidos por un total de 13 traballadores.
Actividades semellantes as organizadas na gardería emprazada no barrio ourensán de Covadonga repítense estes días nas outras 24 escolas infantís da rede autonómica que funcionan na provincia de Ourense e que se emprazan nos concellos de A Bola, A Merca, A Pobra de Trives, A Rúa, Allariz, Bande, Cartelle, Castro Caldelas, Coles, Nogueira de Ramuín, O Carballiño, Oímbra, Pereiro de Aguiar, Ribadavia, Toén, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, e 4 na cidade das Burgas –Antela, Barrocás, Farixa e Rúa Colón-.