Orzamentos 2015 da Deputación de Ourense: máis presuposto, maior investimento e proxectos innovadores
Máis orzamento, o maior investimento na historia da Deputación e novos proxectos nos ámbitos da enerxía, a Infancia, a transparencia, a igualdade e a administración electrónica, resumen os Orzamentos 2015 da institución provincial que presentou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo vicesecretario xeral e o tesoureiro da institución, Juan Marquina e Miguel González, respectivamente. O titular do goberno provincial compareceu en rolda de prensa para dar conta das liñas básicas dos orzamentos, un documento que se presentará para a súa aprobación no pleno deste mes de outubro –primeira vez na historia do goberno provincial-, sendo tamén a primeira deputación de Galicia en presentalos, co cal, Manuel Baltar comparecerá na habitual intervención anual diante da Comisión de Economía do Parlamento cos orzamentos xa aprobados.
“O máis destacado dos Orzamentos 2015 é que novamente experimentan unha subida con respecto do ano anterior (un 2,65 %), pasando de 73.700.000 euros a 75.707.000 euros, o que confirma a tendencia marcada no exercicio anterior de recuperación da facenda provincial”, dixo Baltar. Asemade, subliñou que os Orzamentos de 2015 “contemplan a porcentaxe máis alta de investimento na historia da Deputación de Ourense, destinándose a inversión máis de 17,1 millóns de euros, incrementándose un 30,7 % a dotación en investimentos”.
O presidente considera que son uns orzamentos “nos que destaca a disciplina orzamentaria e a sostibilidade fiscal, apostan pola tecnificación e a cualificación da administración provincial, e perseguen unha estrutura organizativa máis racional e eficiente”.
Manuel Baltar enumerou os novos proxectos da Deputación de Ourense para levar a cabo en 2015: o Plan Termal, que antes de que remate o ano asinará co presidente da Xunta de Galicia, e para o que o institución provincial destina 1,5 millóns de euros. Tamén se referiu á importante cantidade que a Deputación achega para o desenvolvemento do Plan de Emprego Xove: un millón de euros, e á creación da Axencia provincial de Enerxía e do Medio Ambiente, un instrumento de xestión, enmarcado na liña da Central de Compras, que permitirá aos concellos mellorar as condicións de facturación da electricidade e tamén suporá melloras no ámbito do subministro de materiais. Esta axencia é a única das súas características en España no ámbito provincial.
Outros dos proxectos para os que a Deputación de Ourense destinará 500.000 euros a cada un é o Plan Provincial de Igualdade, que desenvolverá en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, e o Plan de Racionalización da estrutura administrativa municipal, para ofrecer mellores servizos, aforro e calidade, avanzando na simplificación administrativa e na administración electrónica. Como novidade para 2015 tamén se desenvolverá un Plan especial para a infancia e a xuventude, que incluirá iniciativas de concienciación ambiental, actividades na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, a segunda fase da Granxa-Escola de Armariz para convertela no parque temático das razas autóctonas galegas, ademais dun certame sobre industrias culturais e creativas. E como xa anunciara días pasados Manuel Baltar, a Deputación de Ourense contará en 2015 cunha unidade específica de Transparencia e Participación Cidadá, e dentro dos novos proxectos crearase o “Portal provincial da Transparencia” para que os concellos poidan achegar toda a súa información de interese para os cidadáns.
Ademais de todo isto, Manuel Baltar afirmou que se agarda un remanente de Tesourería positivo da xestión de 2014, “co cal, coas modificacións orzamentarias que procederan, incrementaríanse as cantidades iniciais destinadas aos proxectos máis relevantes previstos para 2015”.
500 % máis para Servizos Sociais
En canto ás diferentes áreas da Deputación, destaca o incremento dun 500 % nos investimentos previstos para Servizos Sociais, para os que se destinan máis de 3,8 millóns de euros. Nesta mesma área se incrementan os fondos para o Plan BenOurense 2015; mantense a axuda á Teleasistencia domiciliaria (350.000 euros), e elévase a un millón de euros a achega económica para o programa de Acción Social. Tamén se mantén o Programa de Balnearios para Maiores de 55 anos e outros programas, como as campañas de divulgación, para os que se destinan 120.000 euros.
Na Área de Medio Ambiente o orzamento (11,8 M €) increméntase un 6,84 %, manténdose as subvencións para labores de roza nos concellos (360.000 euros, a razón de 4.500 euros por concello); cofináncianse coa Xunta de Galicia os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) (358.000 euros) e tamén os consorcios contra incendios e o Consorcio de Augas (1.055.167 euros).
Na Área de Infraestruturas a achega económica para a rede viaria provincial (1.840 quilómetros) increméntase un 21,88 %, ascendendo o orzamento a 3,2 millóns de euros, e increméntase ata os 50.000 euros / concello a achega para o Plan de Cooperación para Obras e Servizos, ao que hai que engadir 3.000 euros máis para cada proxecto técnico; en total os concellos da provincia recibirán máis de 4,8 millóns de euros.
Na Área Económica mantense o Plan ara gastos correntes para concellos que acrediten insuficiencia financieira e presupostaria, e mantense tamén a subvención de 32.000 euros para a UNED. Rebáixanse as subvencións nominativas respectando o 20 % do total de subvencións –sendo a Deputación de Ourense o primeiro goberno que toma esta medida-, e increméntase un 23,34 % a Cooperación Provincial (en total 3.088.187 euros).
No que atinxe a Área de Cultura e Deportes increméntase a liña de subvencións de Deportes (400.000 €) e mantense o Plan Tarazana de Actividades recreativas e culturais (200.000 €). Se retoman as subvencións a Deportistas (25.000 €) e as Actividades de fomento do deporte (70.000 €), ao tempo que se incrementan as subvencións culturais e sociais (400.000 €) e a achega para o Rally de Ourense (40.000 €), única subvención nominativa xunto coa do Club Ourense Baloncesto SAD. Os orzamentos tamén contemplan a realización dun Plan de impulso da Vía da Prata para potenciar e poñer en valor a riqueza cultura e histórica deste camiño.
Polo que respecta ao Inorde verá incrementado o seu orzamento coa inclusión do Plan de Emprendemento (1,5 millóns de euros), e mantense para este organismo autónomo a dotación de 1,4 millóns de euros para desenvolvemento local, turístico e económico.
Descenso do endebedamento
Manuel Baltar tamén se referiu ao importante descenso que dende a súa chegada á Presidencia da Deputación de Ourense ten experimentado o endebedamento da institución provincial. Así, en decembro de 2011 situábase no 116 %, sendo a previsión para o final da lexislatura dun 101 %. Sen embargo, as cifran aínda descenderon moito máis, a razón de 2 puntos cada mes, situándose na a previsión para decembro deste ano no 48,83 %, cunha baixada total de máis do 67 %.
No capítulo de Recursos Humanos, Baltar destacou que continúa o descenso en gastos de persoal, situándose en 2015 no 35,51 % do orzamento, e puntualizou que este descenso chegaría ata o 24 % se se excluíra deste gasto o persoal adscrito ao servizos de recollida de lixo e de Vías e Obras. Tamén subliñou o presidente que en 2015 haberá un novo deseño dos postos de máis responsabilidade: direccións de áreas, xefaturas de servizo e directores de centros dependentes, abríndose a posibilidade -mediante libre designación- de que se incorporen funcionarios doutras administracións (Estado, CCAA…). “O obxectivo é seguir mellorando na xestión con eficacia e máxima profesionalidade”, explicou Manuel Baltar.
Neste mesmo apartado, en 2015 amortízanse 18 prazas da plantilla de persoal e aplicarase a nova ordenanza de Contratación temporal, con tribunais por sorteo. Asemade, o número total de traballadores da Deputación tamén seguiu descendendo, xa que mentres en xaneiro de 2012 contabilizábanse 957 empregados na actualidade esta cifra sitúase en 722.