Un grupo de sete operadores turísticos alemáns especializados na organización de viaxes relacionados coa gastronomía poderán coñecer estes días boa parte da oferta enogastronómica do destino turístico Galicia, grazas á viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Berlín.
Deste xeito, entre os días 21 e 24 de maio, poderán coñecer os aspectos máis salientables da enogastronomía galega representantes dos operadores alemáns Studiosus Reisen, Bayerisches Pilgerbüro Studienreisen GmbH, One World Travel & Incentive, Andiamo GmbH, Lernidee Reisen GmbH, Abanico – individuell Reisen e Windrose Finest Travel GmbH.
A viaxe destes axentes turísticos comezará en Santiago de Compostela, onde visitarán o mercado de abastos e disfrutarán dun almorzo a base tapas elaboradas con produtos galegos. Tamén durante a súa estanza na capital galega realizarán unha visita ao centro histórico da cidade e percorrerán as cubertas da Catedral.
O día 22, os operadores alemáns asistirán á presentación da Ruta da Camelia, como itinerario gastronómico de Galicia e participarán nun taller de traballo coas principais empresas relacionadas co receptivo turístico en Galicia.
Logo desta reunión de traballo, desprazaranse ata a Costa da Morte, onde visitarán Fisterra, Carnota e Muros, lugares nos que manterán encontros gastronómicos en distintos restaurantes da zona.
O día 23 de maio, os operadores turísticos alemáns visitarán a cidade de Pontevedra e percorrerán a súa zona monumental cunha visita ao mercado de abastos.
Ao mediodía desprazaranse ata Ribadumia para visitar unha adega asociada á Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.
Ese día visitarán tamén O Grove e Cambados e navegarán pola Ría de Arousa para coñecer as explotacións de mexillón en batea. Pola tarde, visitarán dous pazos situados nas terras de Arousa, relacionados coa produción de viño e poderán coñecer parte da oferta relacionada cos xardíns da camelia.
Para o día 24 de maio, está prevista unha visita á cidade da Coruña, onde os operadores alemáns percorrerán a Cidade vella, visitarán a Torre de Hércules, o Xardín de San Carlos e a Marina.
Mercado alemán
O mercado alemán é o segundo mercado internacional máis importante para a comunidade galega, ao representar no pasado ano o 12% do total dos turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia.
A cifra de alemáns aloxados nos establecementos turísticos galegos superou o pasado ano os 125 mil, incrementándose nun 14,5% en relación ao ano 2013.
Polo que respecta ao ano 2015, o mercado alemán está a rexistrar tamén un importante crecemento, ao incrementar un 32,2% a cifra de viaxeiros aloxados e un 41,3% o nivel de pernoctacións nos tres primeiros meses do ano.