“Onde o viño é arte, catro décadas de feira do Viño en Chantada”
PUBLICACIÓN DO LIBRO: “ONDE O VIÑO É ARTE, CATRO DÉCADAS DE FEIRA DO VIÑO EN CHANTADA”
A Concellería de Cultura do Concello de Chantada informa, con motivo da 39º edición da Feira do Viño, da publicación do libro: “Onde o viño é arte, catro décadas de feira do Viño en Chantada”. O libro pretende ser un recoñecemento a todas as persoas que impulsaron e organizaron nun ou noutro momento a Feira do Viño. Recóllense os carteis de todas as edicións celebradas e unha escolma de textos publicados no contexto da Feira do Viño.
Por tanto, esta publicación inclúe os 39 carteis de todas as edicións da Feira do Viño desde 1983 ata 2022. Os carteis son unha boa forma de expresar a importancia que ten o cultivo das vides en Chantada. Entre os autores dos carteis encóntranse coñecidos artistas que se relacionan con Chantada, dun ou doutro xeito, como Lomarti, Pérez Alaez, Ánxel Gómez Montero, Antonio Yebra de Ares, Chus Vázquez, Laura Cortés, Julio Quijada, Suso Talento ou Xosé Randolfe Vilariño.
O título é unha adaptación do lema utilizado nas primeiras edicións da feira: “Chantada, onde o viño é arte”. Estas palabras amosan a filosofía que guiou aos primeiros promotores dunha festa dedicada á viticultura en Chantada.
O libro, ademais, xunta textos de Ánxel Gómez Montero, Xulio de Abral, Avelino Seijas, Javier Méndez Otero, Amelia Ledo, Ramón Rodríguez Porto, Xosé Lois Ripalda ou Alfredo Pardo, entre outros autores e autoras. Estes textos foron publicados no contexto da Feira do Viño, especialmente nas décadas de 1980 e 1990, aínda que tamén se pode encontrar no libro algún texto máis recente.
Completan o libro ilustracións de Lucía Lobelle, Jon González e Alejandro García que acompañan unha pequena escolma de ditos tradicionais sobre o viño. En definitiva, faise pública unha compilación de carteis, textos e narracións orais sobre a cultura do viño que deben ser coñecidos e recoñecidos novamente.
Agradecer a colaboración de tod@s as persoas que participaron na elaboración desta publicación, especialmente a Xavier Viana, Segundo Navaza e Martín Varela.
A edición desta publicación está financiada integramente polo Concello de Chantada e estará dispoñible no stand de turismo do Concello, situado na entrada principal da carpa principal desta XXXIX edición da Feira do Viño.