Oitava edición da Semana Escolar das Letras Galegas
- Máis de 7.000 estudantes participarán
- A actividade organizada pola Deputación de Ourense celebrarase a vindeira semana en 51 centros educativos da provincia e xirará arredor da figura de Florencio Delgado Gurriarán
- O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, resaltou na presentación da semana escolar a importancia de reivindicar ao autor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022
- Xosé Antonio Perozo, autor do libro sobre Delgado Gurriarán que será repartido aos alumnos participantes, puxo en valor a calidade literaria do intelectual ourensán
A vindeira semana celebrarase a oitava edición da Semana Escolar das Letras Galegas, actividade organizada pola Deputación de Ourense e na que este ano participarán máis de 7.000 estudantes procedentes de 51 centros educativos da ESO de toda a provincia. Todos eles recibirán un exemplar do libro “Florencio Delgado Gurriarán fronte á exaltación da natureza”, escrito por Xosé Antonio Perozo e ilustrado por Antonio Seijas.
A Semana Escolar das Letras Galegas foi presentada onte na sala de prensa da Deputación polo vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández, e o propio autor do libro. César Fernández resaltou a importancia de poñer en valor a figura de Delgado Gurriarán (1903-1987), autor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022: “É un perfil moi interesante, ten moito que aportar tanto na súa faceta poética coma no seu aspecto político e nas facetas da súa vida”.
A través da lectura do libro e do traballo didáctico realizado na aula, os alumnos poderán aproximarse a Delgado Gurriarán.
Este poeta ourensán, de Valdeorras, ten unha gran forza, cunha poesía que podería ser cantada a través de ritmos populares
, explicou na súa intervención Xosé Antonio Perozo, que destacou a necesidade de profundar, e dar a coñecer máis, un “autor que desgraciadamente non tivo no seu momento o recoñecemento merecido”.