Ofertaranse 3.058 plazas en primeiro curso en centros públicos da provincia de Ourense que impartirán Formación Profesional o vindeiro curso
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria oferta para o curso 2015/2016 un total de 3.058 prazas en primeiro curso en ciclos de Formación Profesional en centros públicos da provincia de Ourense, segundo recolleu onte o Diario Oficial de Galicia. Delas, 1.924 forman parte do réxime ordinario – 898 en grao medio e 1.026 en grao superior-, mentres que outras 379 son do réxime modular para persoas adultas – 259 en grao medio e 120 en grao superior-, 300 do réxime modular a distancia – 100 en grao medio e 200 en grao superior-,440 en FP Básica, e outras 15 en FP Dual – todas elas en grao medio -.
A oferta, moi similar en termos e cifras xerais á do curso 2014/2015, modifícase cada ano para adaptarse á demanda e ás necesidades expresadas polos centros educativos; diante do importante interese que esperta a FP. Neste sentido cómpre lembrar que en toda Galicia máis de 53.000 alumnas e alumnos cursan no presente curso ensinanzas de FP – 1º ou 2º curso de ciclos de grao medio ou superior, ciclos de FP básica ou programas formativos básicos-, máis do 86% deles en centros públicos.
Cómpre sinalar, ademais, que a Consellería mantén un contacto constante co tecido socio-produtivo de cada comarca para dar resposta á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior empregabilidade para o alumnado da FP galega e nunha maior e máis axustada cualificación dos traballadores. Neste sentido cabe sinalar, ademais, que o departamento educativo da Xunta de Galicia continúa coa implantación progresiva de proxectos-piloto de FP, unha modalidade especialmente pensada para favorecer o acceso ao mercado laboral dos máis novos.
O prazo de preinscrición nos ciclos comeza o día 17 Os diferentes prazos de matrícula poden consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.es/fp/informacion-xeral-admision , dentro do portal educativo.