Obras de asfaltado na ponte do Milenio
- A ponte do Milenio, en Ourense, permanecerá pechada unhas horas mañá mércores para executar obras de asfaltado
- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé que os traballos comecen pola tarde do día 2 de novembro e queden rematados na mañá do xoves, día 3, para poder restablecer o tráfico
- Con estes traballos quedarán totalmente rematadas as obras de reforma iniciadas no verán para devolverlle a funcionalidade a esta infraestrutura emblemática da cidade das Burgas
A Xunta pechará dende a tarde do mañá mércores, día 2 de novembro, ata primeiras horas do día seguinte, xoves 3, o tráfico na ponte do Milenio, en Ourense, para levar a cabo a execución do asfaltado. Concretamente os traballos consistirán na reparación da capa de rodadura do aglomerado entre a ponte do Milenio e a rotonda da estatua Nexus, na avenida Pardo de Cela. A actuación tamén comprende o asfaltado dos 2 ramais que unen esta glorieta coa estrada N-120.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda coordinouse co Concello de Ourense, concretamente coa Policía Local, que se vai encargar do establecemento do corte e dos desvíos.
Coa fin de axilizar ao máximo as obras e reducir a afección ao tráfico prevese traballar primeiro nos 4 carrís da ponte. Unha vez finalizados estes traballos, e xa entrada a noite, procederase a traballar en cada un dos ramais. Segundo as previsións dos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas o tráfico recuperará a súa normalidade pola zona a primeira hora do xoves, día 3.
Con estes traballos de asfaltado quedarán totalmente rematadas as obras de mellora que o departamento autonómico dirixido por Ethel Vázquez executou na ponte do Milenio e que consistiron no selado de fendas e a eliminación da corrosión da estrutura; a mellora e impermeabilización do seu taboeiro; e tarefas de conservación, de retirada de vexetación, canalización das augas ou a reparación do sistema de iluminación.
Estas actuacións, cun investimento de preto de medio millón de euros e que comezaron en xullo, tiveron por obxecto poñer a punto e devolver toda a funcionalidade a unha infraestrutura estratéxica para a cidade, desde o punto de vista da mobilidade, pero tamén con atractivo turístico, por canto ofrece unha visión panorámica da cidade, da que senten convertido nun elemento representativo da cidade.