O Virxe do Camiño de Rubiá e o Divina Pastora do Barco na quinta edición de “Recíclate con Sogama”

  • Arranca a quinta edición de “Recíclate con Sogama” con 19 colexios adscritos e preto de 4.800 alumnos incorporados
  • A distribución de centros por provincias é a seguinte: tres pola da Coruña, cinco pola provincia de Lugo, catro pola de Ourense e sete pola de Pontevedra
  • O programa pretende implantar a recollida selectiva nos colexios participantes e formar á comunidade educativa na xestión sustentable dos residuos
  • Sogama proporciona os medios necesarios, tanto materiais (illas de reciclaxe e composteiros) como didácticos e divulgativos (vídeos e xogos, entre outros)
Divina Pastora (O Barco de Valdeorras) Inicio Curso 2016/ 2017

Divina Pastora (O Barco de Valdeorras) Inicio Curso 2016/ 2017

 

Arranca a quinta edición do programa educativo “Recíclate con Sogama” para o curso académico 2016-2017 e faino con 19 centros de Primaria adscritos ao mesmo e pertencentes ás catro provincias galegas, dando cobertura a preto de 4.800 alumnos.

Con esta iniciativa, canalizada a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e a través da cal se persegue a educación en valores, a compañía pública pretende instaurar a recollida selectiva nos colexios e inculcar entre os máis pequenos as boas prácticas ambientais vinculadas ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) como garantía dunha xestión máis sustentable para os residuos.

A distribución dos centros seleccionados é a seguinte:

– Tres pola provincia da Coruña:
• CPI Plurilingüe Virxe da Cela, en Monfero
• CEIP A Cristina, en Carballo
• CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, en Ferrol

– Cinco pola provincia de Lugo:
• CPR Sagrado Corazón de Jesús, en Ribadeo
• CEIP Luís Pimentel, en Lugo
• CEIP de Lousada, en Guntín
• CEIP Eloísa Rivadulla, en Chantada
• CEIP de Muimenta, en Cospeito

– Catro pola Provincia de Ourense:
• CPR Plurilingüe Divina Pastora, en Ourense
• CEIP Virxe do Camiño, en Rubiá
• CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio
• CPR Plurilingüe Divina Pastora, en O Barco de Valdeorras

– Sete pola Provincia de Pontevedra
• CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis
• CEIP de Viñagrande Deiro, en Vilanova de Arousa
• CEIP A Guía, en Moaña
• CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, en As Neves
• CEP Plurilingüe de Riomaior, en Vilaboa
• CPI de Cova Terreña, en Baiona
• CPR Plurilingüe Padres Somascos, en A Guarda

A partir deste momento, cada colexio desenvolverá o seu propio proxecto de xestión de residuos, podendo contar en todo momento co asesoramento de Sogama.

Medios materiais e recursos formativos

Para que os centros poidan implantar con garantías a recollida selectiva de residuos nas súas dependencias, a empresa proporcionaralles as correspondentes illas de reciclaxe, que están conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, azul e verde) nos que deben depositar, respectivamente, latas, briks e envases de plástico; papel e cartón; e restos non reciclables. No caso daqueles que dispoñan de servizo de comedor e conten cunha horta ou xardín, tamén se lles subministrará un composteiro, que lles servirá para producir abono natural de calidade a partir da materia orgánica xerada.

A fin de comprobar a calidade da selección dos residuos, a empresa realizará caracterizacións dos recipientes para obter información sobre o nivel de acerto á hora de depositar os materiais nos mesmos.

Coa pretensión de que a clasificación sexa correcta, Sogama deseñou un plan didáctico e pedagóxico que toma a forma de carteis e folletos, que serán entregados a todos os escolares, facendo chegar aos profesores presentacións, vídeos, unidades didácticas e outros recursos cos que poderán traballar a reciclaxe nas aulas de forma eficiente.

Ademais, educadores ambientais que prestan os seus servizos no marco da campaña autonómica “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor” visitarán os 19 centros para impartir charlas e organizar talleres en torno á reciclaxe.

Todo isto complementarase coa organización dunha visita ao complexo medioambiental de Cerceda. De feito, a entidade financiará o aluguer de autobuses para que alumnos de todos os centros participantes en “Recíclate con Sogama” poidan achegarse ás súas instalacións e realizar un percorrido guiado polas mesmas a fin de coñecer o tratamento ao que son sometidos os residuos, ben para reciclalos ou ben para recuperalos enerxeticamente, no caso da fracción non reciclable.

Ao longo de todo o curso propiciarase un diálogo fluído e próximo entre os técnicos de Sogama e os coordinadores dos centros co fin de que estes poidan orientar, planificar e estruturar os proxectos do mellor xeito posible, solventando as dúbidas presentadas e corrixindo, no seu caso, os erros detectados.

Ademais, os profesores adscritos a esta iniciativa terán a oportunidade de participar nun curso en liña que a Sociedade pública levará a cabo no segundo trimestre do curso académico sobre a xestión dos residuos urbanos nun marco de economía circular.
 

También te podría gustar...